Espazos naturais

Entendemos por valores naturais todos os seres vivos (Flora, Fauna, Funga, etc…), seres inertes (Xea), e os ecosistemas onde se desenvolven en conxunto, que posúen intereses ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos e que ademais da súa singularidade aportan representatividade e gran beleza nas paisaxes.

A paisaxe que domina a superficie do concello poderíase definir como unha paisaxe de factura mixta ou de acción modeladora dobre, configurada tanto polos fenómenos de modelado naturais como pola man do home, que tivo, e ten, gran protagonismo. Como resultado da acción natural emerxen un gran abano de unidades xeomorfolóxicas coma outeiros, cotos, penedías, chans, valgadas, vales, cotos,… Estes espazos físicos acolleron nun inicio pequenas plantas pioneiras, que paseniño foron configurando agrupacións vexetais perfectamente adaptadas ás características ofrecidas polo medio, ben sexa o tipo de rocha nai, a profundidade do solo, a dispoñibilidade de auga, topografía, orientación,… Co tempo esta vexetación foi mudando, cambiando unhas especies por outras (o que se denomina “sucesión ecolóxica”), e provocando tamén cambios nas diversas especies faunísticas que acubillaba. Finalmente, sobre este lenzo natural traballou perante milenios a man do home, configurando unha paisaxe intervida, que deu lugar a cambios nos hábitats naturais.

En Salceda de Caselas os ecosistemas máis singulares, que agochan característicos habitantes, son sen dúbida aqueles ligados aos recursos hídricos, representados polos ríos Caselas, Landres e Tinto; estes solos, que van dende os graníticos (…) ata os de turba tremoenta acubillan marabillas como As Gándaras de Budiño e zonas húmidas adxacentes. (…)

A constitución española no artigo 45.1 reflexa que: “Todos teñen o dereito a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo”. Con este propósito nace o catálogo de espazos naturais de Salceda de Caselas, pois non se pode gozar nin conservar o que non se coñece. Preténdese achegar ao público todos eses puntos xeográficos, comunidades vivas ou individuos illados, que xa de por si, contan con gran interese ou valor ecolóxico e que en conxunto lle dan a Salceda de Caselas un gran potencial medioambiental, que sumado a os seus recursos etnográficos, nos presentaran unha vila chea de argumentos para visitar, recorrer e coñecer a fondo.

 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Como Citar o recurso: Carla Pérez, Óscar Requejo, Jaime Sánchez, Marcos Troncoso e Manuel Domínguez (2016). Espazos naturais de Salceda de Caselas. Concellaría Medio Ambiente, Salceda de Caselas. http://salcedadecaselas.es/turismo/espazos-naturais/

Agradecementos: Antonio Prunell Tudurí, Marisa Castro, Elvira Sahuquillo Balbuena, Nicanor Floro Andrés Rodríguez, José Cabaleiro, Julio Valeiras, Cesar Ayres, José Álvarez Gándara, Pablo Veiga Miguez, José Piñeiro, Roberto Requejo, Marta Martínez Lago, Jesús Bargiela, Marcos Besada, Matías Bas Fernández e Teresa Pérez González .