Parderrubias

parroquiasparderrubias

Parroquia limitada polos montes de O Coto da Caldeiriña, o Penedo das Pombas e o Coto das Pías. Os regatos Landres e Lagüela teñen o seu curso por esta parroquia rematando no río Caselas. Os barrios máis salientables son os do Agro, Fontán, Lavandeira, Maceira, Montecelo, Pedrabuxiña, Piñeiro, Portela, Presa e Revolta.

O nome venlle dado por Pedras Rubias, que ao parecer provén dos grandes penedos que rodeaban a parroquia, sobre todo os do sur e poñente, que polo sol e as chuvias tomaron o color rubio.Anteriormente, no ano 1610 o Bispo de Tui, Prudencio de Sandoval, cita o nome da parroquia como Perarubeas que traducido é o mesmo de Pedras Rubias; de aquí derivaría o actual de Parderrubias.

Ata a supresión dos Señoríos a parroquia estivo dividida en dous coutos, sendo o límite o río Landres. Un pertencía ao Marqués de Avendaño e o outro á Casa de Pedradauga dos condes de San Román, casa esta que se conserva e pertence á parroquia de San Xurxo de Salceda.

Conta co complexo Igrexa – Peto das Ánimas. A igrexa inicialmente estaba establecida no lugar de Fontán, onde existen restos que non foron trasladados. A igrexa de “Santo Tomé de Parderrubias” actual comezouse a construír no ano 1815, rematando a mesma no ano 1824.