Santo Estevo de Budiño

De posible orixe común coa súa parroquia veciña de San Salvador de Budiño (Concello do Porriño), aparece independizada da mesma a mediados do século XIII. Foi couto de señorío desde a Idade Media ata o século XIX, e pertenceu ao Cabildo Eclesiástico da Catedral de Tui. Nesta parroquia é moi popular a romaría na honra da Nosa Señora do Libramento.

O seu centro comercial e industrial é O Cerquido. Pola influencia do polígono do Porriño ten instalacións dedicadas a construcións metálicas, materiais plásticos, transformación de pedras, etc., o que o convirte na zona industrial principal do Concello.

Ocupa parte da depresión das chamadas “Gándaras de Budiño”, un espazo de relevante importancia paisaxística e de protección, pola presenza de hábitats de interese a nivel europeo dos que dependen numerosas aves tanto residentes como hibernantes. Esta zona húmida é un espazo Rede Natura 2000 e conta co carácter protector por ser un LIC (lugar de interese comunitario) e ZEPVN (zona especial de protección por valores naturais). Nesta zona atópase na actualidade o Sendeiro dos Humidais que atravesa parte da zona protexida.

No lugar de Sobredo, cada 28 de novembro celébrase o día dos Mártires de Sobredo onde Venancio González Romero e Josefa Alonso foron asasinados dun disparo polo impagamento das Rendas Florais.