As parroquias

Está situada ó S.E. do termo municipal e a 4 Km. do casco urbano. Destacan nela os montes Faro, Chan de Castro e Castelo, e as súas fincas están regadas polos ríos Caselas e Landres.

Localízanse nela xacementos castrenses.

Na Idade Media existiu un castelo co nome de Castelo de Toroña ou Turonio, o cal xogou un papel moi importante nas loitas contra Portugal. Parece ser que no século XV foi mandado desfacer pola raíña de Castela Dona Isabel a Católica.

Durante a Guerra da Independencia asentáronse, xunto á Ermida da Ascensión, as tropas españolas baixo o mando do Abade de Couto Don Mauricio Troncoso de Lira, para reconquistar a praza de Tui que se atopaba en poder dos franceses co Xeral Barón de Lamartiniere á súa fronte.

A igrexa parroquial de posible orixe románico foi de presentación do Mosteiro de Santa María de Oia, e máis tarde a algún nobre ou bispado de Tui. Especial interese teñen algunhas das súas imaxes barrocas, así coma un cruceiro, tamén barroco, do ano 1680.