A Poza do Cabalo

Situación: parroquia de A Picoña, pertencente á CMVMC.

Se ben é certo que debido a localización máis afastada con respecto ao núcleo poboacional, este emprazamento non conta coa popularidade doutras áreas recreativas, non é menos certo que existen outro tipo de visitantes ou usuarios que soen frecuentar a zona, pois son moitos os ciclistas, sendeiristas, moteiros ou afeccionados ao mundo dos cabalos, etc… que a diario e sobre todo en fin de semana fan parada na zona ben sexa para almorzar, reagrupamento, avituallamento de auga na fonte (tamén os animais, pois hai unha poza), ou simplemente para descansar.

A área recreativa tamén xoga un papel estratéxico na loita contra os incendios forestais, pois conta coa mencionada poza posta a disposición dos diversos dispositivos de prevención e extinción (brigadas, motobomba, helicóptero…)

Infraestruturas: Mesas e bancos, asadeiros, unha fonte e unha poza. Bo acceso por estrada asfaltada dende a parroquia da Picoña.

Vexetación: Aparecen na área árbores de diferentes especies frondosas que aportan sombra a zona como o Acer pseudoplatanus, Platanus hybrida, Quercus robur e Salix atrocinerea. Escoltando a contorna atopamos masas de Eucalipto (Eucaliptus globulus) e Piñeiro (Pinus pinaster e Pinus radiata).

Fauna: Zona forestal frecuentada por especies como o Xabarín (Sus scrofa), o Raposo (Vulpes vulpes), ou o Esquío (Sciurus vulgaris).