Soutelo acolle a III Xtrema Soutelo

TER_5339 copia

A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu a presentación da III Xtrema Soutelo, unha proba absoluta cronometrada composta de un percorrido de 9 km., con diversos obstáculos que se celebrará o vindeiro 18 de xuño na Parroquia de Soutelo. No acto estiveron presentes o Alcalde Marcos Besada e a Concelleira de Deportes Carla Pérez, que arrouparon aos representantes da organización e aos representantes dos colaboradores da proba.

Tras o éxito acadado nos pasados anos, esta proba consolídase con importantes cambios sobre todo no tocante ás probas, que serán cada vez máis atractivas e espectaculares. Trátase dunha proba de atletismo con obstáculos naturais e artificiais, que vai transcorrer polos montes comunais da parroquia de Soutelo. Estamos a falar dunha das primeiras probas destas características que se celebrou na provincia de Pontevedra. Os participantes deberán ser maiores de 16 anos (os menores de idade con autorización), e poden formalizar a súa inscrición a través de Galitiming ata o vindeiro 13 de xuño. As prazas son limitadas. Dende a organización recomendase a roupa de manga longa para participar na proba. A proba terá lugar ás 11:30, comezando coa entrega de dorsais aos participantes ás 10:00 no Centro Cultural do Borralliño (Soutelo).

Fran Morais, representante da Organización, destacou os servizos con que conta a proba: avituallamento, zona de duchas, agasallos para os participantes… Así mesmo agradeceu a implicación do Concello e os demáis colaboradores “sin os cales sería totalmente imposible sacar adiante este evento”.

Carla Pérez, Concelleira de Deportes, destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas como a Xtrema Soutelo. “Soutelo ten a xente adecuada para levar a cabo este tipo de programas, e ademáis conta con unhas instalacións perfectas na Área Recreativa do Borralliño”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, aproveitou a ocasión para felicitar aos veciños e veciñas de Soutelo pola súa capacidade de unión e de levar a cabo estes proxectos. “Coa unión dos distintos sectores, Soutelo sempre demostrou estar preparada para iniciativas de interese para veciños e visitantes”.

Gabinete de Prensa, 06 de xuño de 2017