Segue o II Pincho Folk en Salceda

II RUTA PINCHO FOLK EN SALCEDA

22 establecementos hosteleiros participan no evento acompañados dos grupos de música tradicional de Salceda e arredores.

As Concellarías de Comercio e Cultura do Concello de Salceda, dirixidas por Loli Castiñeira e Tere Pérez, en colaboración cos hosteleiros da vila, veñen de botar a andar a II Ruta Pincho Folk, que se vai celebrar durante os venres e sábados ata 4 de outubro (incluído). Un total de 22 establecementos participan na ruta, repartidos en duas rutas: venres e sábados. Nos locais sérvense pinchos ao prezo de 1 € en horario de 20:00 a 23:59. Nas dúas fin de semana que xa leva funcionando esta edición do Pincho Folk foron centos as persoas que participaron da ruta, esgotando as existencias de pinchos en varios locales.

A ruta de pinchos conta co engadido do folk, quedando aberta a participación a todos aqueles gaiteiros, pandeireteiras ou músicos en xeral que desexen asistir e pasar unas boas noites de foliada acompañados coa mellor gastronomía. Así, as noites están a ser animadas por gaiteiros e percusionistas que se encargan da parte máis festeira da ruta, con curiosas estampas nas que se mestura o folclore coa mellor gastronomía.

Os locais lucen un distintivo nas súas fachadas, que os sinala como establecementos participantes no Pincho Folk, diferenciando así mesmo entre a ruta dos venres e a ruta dos sábados.

Nos establecementos repártense unhas tarxetas que irán selando os hosteleiros para que os clientes participen no sorteo final, no que se van repartir 200 € en vales de compra para canxear nos locais participantes (2 vales de 50 € e 5 de 20 €).

Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo, presentou o evento como una importante iniciativa para dinamizar o pobo e sobre todo os establecementos hosteleiros. “Pensamos en seguir organizando este tipo de eventos que apoien ao comercio local, neste caso á hostelería. O Concello plantexou a iniciativa e estamos moi satisfeitos coa acollida que tivo por parte dos diferentes establecementos e coa colaboración obtida dende o primeiro momento”.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura, aproveitou para agradecer aos diferentes grupos de música tradicional que participan no evento. “As diferentes iniciativas que levamos a cabo para as agrupacións de gaiteiros e pandeireteiras teñen sempre grande acollida, como no caso da Agrupación Gaiteira de Salceda ou do Serán dos Callos. Neste caso estamos a seguir a mesma liña, coa participación de afeccionados á música tradicional que veñen botar unhas pezas e desfrutar dos exquisitos pinchos que preparan os hosteleiros”.

 

Gabinete de prensa do Concello de Salceda de Caselas

24 de setembro de 2014