Salceda súmase á compostaxe

O Concello de Salceda de Caselas ven de poñer en funcionamento os Centros de Compostaxe Comunitaria instalados nos Parques Raíña Aragonta e A Gándara, e detrás da Praza de Abastos. A iniciativa enmárcase no Programa “Revitaliza” da Deputación de Pontevedra, na que participan 23 Concellos.
O programa piloto inclúe a instalación dos módulos de compostaxe así como a formación para os participantes, impartida por Ana Pazo Calderón, técnica especialista en compostaxe, e a supervisión técnica do proceso, co fin de correxir erros, minimizar molestias e garantir un correcto resultado. As persoas que precisen axuda e información nestes primeiros momentos do proceso poden atopar a técnica especialista os martes de 17:00 a 19:30 no composteiro do Parque da Gándara, os mércores de 10:30 a 13:00 no da Praza de Abastos e os xoves de 9:00 a 11:30 no do Parque Raíña Aragonta.

Ademáis dos veciños e veciñas da vila, o Concello conta co compromiso de compostaxe por parte de colexios, establecementos hosteleiros, panaderías… A compostaxe obtida será empregada para abonar os parques e xardíns municipais, aínda que tamén os/as usuarios/as poden solicitar facer uso del.

Esta medida forma parte da estratexia integral municipal para a mellora do funcionamento da recollida do lixo, co obxectivo de reducir os custes do servizo ordinario, que actualmente se sitúan nuns 97 € por vivenda (o dobre do que se recauda polo servizo). O Concello aposta pola recollida selectiva e a compostaxe como ferramentas para reducir os residuos do contenedor verde, reducindo así os custes para o concello e ademáis cumplindo coas normativas actuais en materia de residuos urbanos. O lixo diario que se xera nos fogares contén un 40-50 % de materia orgánica, que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para as plantas e cultivos. É un gasto absurdo pagar porque se recollan, trasladen e amontoen para que podrezan ou ardan estes restos e os de podas e segas do céspede -moitas veces a decenas de quilómetros- cando se poden transformar nun rico fertilizante na nosa propia casa ou contorno inmediato co consecuente aforro. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 20-25 quilos de compost.

Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente:  “Separar as diferentes fraccións do lixo na casa fai que tomemos consciencia de todo o que tiramos e que reduzamos a cantidade de residuos que xeramos. Así mesmo, está demostrado que as familias que participan nas campañas de reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as ratios de separacións de envases, cartón e vidro”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Estamos ante unha magnífica oportunidade para optimizar recursos e conseguir un importante aforro para todos e todas.  Animamos aos veciños e veciñas de Salceda a facer uso deste servizo que contribuirá a unha mellor conservación do medio que só podremos lograr coa implicación de todos e todas”.