Salceda solucionará os problemas das pluviais de San Xurxo e Picoña

TER_8182 copia

O Concello de Salceda investirá un total de 94.852,87 do Plan Concellos 2018 na mellora de diferentes puntos da rede de estradas municipais que están a presentar problemas nos días de choivas intensas, problemas que se ven agravados dende o pasado mes de outubro pola erosión sufrida no terreo a causa dos incendios forestais.

Na parroquia de San Xurxo levaranse a cabo actuacións na Bouzavedra, executando obras de mellora do drenaxe lonxitudinal de pluviais, e a súa canalización ata os regatos aos que sempre verqueu a auga, actuando sobre as augas que descenden do Monte da Costoura, evitando que cheguen ás vivendas. Na parte baixa de Bouzavedra canalizaranse as augas cara os pozos de referencia do Regato do Sanguío en Rozades.

Tamén na parroquia de Picoña, concretamente no barrio de Pedrapinta se realizarán actuacións, ensanchando a estrada existente e recollendo e drenando as pluviais e as augas do regueiro preexistente, recuperando a regueira de Infesta. Na mesma parroquia, na estrada que une O Maior e Loureiro, traballarase sobre as augas de Loureiro e A Pena para drenar a zona e canalizalas ata a sangra que as conduce ao Río Caselas, no lugar do Maior.

Estamos a falar de zonas afectadas pola construción histórica de diversas canalizacións e “tajeas” que impediron o curso natural da auga, e que resultan ineficaces e insuficientes, provocando que a auga busque o seu camiño e produza danos nas propiedades acentuados polos grandes desniveis existentes en ámbalas dúas parroquias, afectando tamén aos socalcos que os veciños e veciñas foron construíndo para o seu aproveitamento agrícola.

O Equipo de Goberno dá así resposta ás solicitudes feitas polas asociacións das parroquias, polos veciños e veciñas e polos grupos da oposición, coincidindo todos eles en que estamos a falar dunha obra urxente e de vital importancia.

Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “Este investimento soluciona os problemas derivados de diversas obras executadas irregularmente sen ter en conta a capacidade de desaugue e drenaxe de moitos espazos, especialmente as regueiras que desaugaban no Río Caselas, na parroquia de Picoña e no Regueiro do Sanguío no caso de Bouzavedra”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Cumprimos o compromiso dado ás asociacións e aos veciños e veciñas. Estas obras van supoñer a solución definitiva aos problemas que ao longo dos anos se foron producindo, e que este inverno máis que nunca se demostrou que é urxente correxilos”.

 

Salceda de Caselas, 19 de abril de 2018