Salceda retoma a “Escola de Maiores”

As Concellarías de Benestar Social e Formación do Concello de Salceda de Caselas, dirixidas por Tere Pérez e Loli Castiñeira respectivamente, veñen de presentar a que será a segunda edición “Escola de Maiores” que se levará a cabo no Concello de Salceda subvencionada pola Obra Social de La Caixa.

Na Escola, os participantes adquirirán coñecementos de lingua e ortografía, cultura xeral, matemáticas e cálculo… con uns contidos que estarán continuamente adaptándose ao público ao que se destina esta actividade.

Dirixida ás persoas maiores do municipio, a Escola márcase como obxectivo primordial, ademáis da trasmisión de coñecementos aos participantes na actividade, sobre todo a integración, relación social, comunicación,  mellora da calidade de vida e envellecemento activo dos mesmos, así como a oportunidade de desenvolver a súa creatividade, aptitudes e habilidades.

As clases iniciaranse o vindeiro 7 de outubro, e realizaranse os venres pola mañá no Centro Social da Devesa. As Concelleiras informaron da apertura do prazo de inscrición e reserva de praza, que dará paso á posta en marcha da iniciativa.

Loli Castiñeira, Concelleira de Formación: “Botamos a andar unha nova acción formativa, neste caso dirixida aos nosos maiores, que estamos seguros vai contribuír ao seu enriquecemento persoal e á mellora da súa calidade de vida”.

Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social: “As políticas de Benestar Social seguirán a ter moi presentes aos nosos maiores. Son moitas as persoas maiores que nos teñen trasladado as súas inquedanzas neste senso, e esta nova acción ven dar cumprimento ás súas demandas”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “moitos dos nosos maiores non tiveron no seu tempo a oportunidade de acceder á educación como afortunadamente (e grazas a eles/as…) sí puidemos acceder os seus fillos/as e netos/as… Seguimos a estar en débeda con eles, e agora tócanos a nós intentar devolverlles o que eles fixeron por nós”.