Salceda reforza a súa aposta polo medioambiente a través da reciclaxe

IMG_20180118_124037

O Concello de Salceda de Caselas vén de reafirmar o seu compromiso co medioambiente e a reciclaxe coa instalación de 44 novos colectores amarelos ─para depositar envases─ conseguidos a través do convenio que mantén coa empresa Ecoembes.

Os novos colectores contan, ademais, coa serigrafía que indica, de xeito claro, os refugallos que deben e non deben depositarse nos mesmos.

O obxectivo, como sinalaba a concelleira de Medio Ambiente, Carla Pérez, non é outro que “tratar de reducir a cantidade de lixo de impropios que se están a depositar no colector de restos, o verde”ao cal van a parar moitos residuos que terían que ser depositados noutros colectores específicos. Nese sentido, Carla Pérez lembra que “os residuos de envases practicamente representan o 60% do volume de lixo que producimos”.

O Concello de Salceda considera como “moi importante” que a carón dos colectores de residuos orgánicos (o verde) haxa un amarelo de reciclaxe de envases, de cara a facilitar á veciñanza unha correcta separación. Por iso, explica a concelleira de Medio Ambiente “os emprazaremos de maneira urxente, naqueles lugares que teñan unha maior demanda e, sobre todo, naqueles considerados como puntos estratéxicos de eliminación de residuos”.

A maiores do reforzo dos colectores de envases, o Concello tamén reforzou aqueles destinados á reciclaxe de vidro, colocando cinco novos puntos nas parroquias. Neste caso, optouse por que aqueles “puntos comerciais con alto grao de refugallos de vidro que teñan un colector próximo”.

Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, resaltaba o “enorme esforzo que está a realizar o Concello” para contribuír a redución das toneladas de residuos que, anualmente, envíanse a Sogama, “Residuos que percorren máis de 200 quilómetros para ser depositados na central, coa conseguinte emisión de CO2”. Iso sen contar o custe, engade Besada, “que supón a fracción do lixo de 97 € por vivenda, e que non se sufraga a través da taxa que se está a aplicar, sendo un servizo que provoca un custe moi elevado”.

Tanto o alcalde como a concelleira de Medio Ambiente, sinalan a necesidade de “apostar por mellorar a xestión que se fai dos nosos residuos” e a importancia de concienciar, a veciños e veciñas “que un pequeno traballo individual contribúe a resultados moi positivos que melloran a nosa calidade de vida mellorando o noso Medio Ambiente”.