Salceda recuperará a área de Rubás para os seus veciños e veciñas

O Concello de Salceda de Caselas ven de adxudicar o “Proxecto de ordenación do terreo municipal nomeado Rubás para uso recreativo”, por un importe de 45.169,03 €, financiados dentro do Plan Concellos 2017 da Deputación Provincial de Pontevedra.

O proxecto busca recuperar a zona pública de Rubás para usos recreativos, aproveitando os elementos naturais existentes no lugar, como son a mina e a fonte. Para iso acondicionarase o terreo co fin de facilitar unha maior accesibilidade ao parque, construíndo unha senda peonil dende a parte máis alta ata a zona máis baixa, na que se atopa a fonte. A recuperación do parque irá acompañada da creación de zonas de aparcadoiro, así como a instalación de bancos, papeleiras e outros elementos. As actuacións fundamentais serán a recuperación do entorno da mina, cunha superficie duns 36 m2, e a recuperación do entorno da fonte, duns 68 m2, coñecida polas propiedades beneficiosas da súa auga para as enfermidades dos ollos. En total, o proxecto vai supoñer a recuperación duns 2.090 m2 de terreo. A área de Rubás atópase entre os barrios de Pegullal, Altamira e Vendanova, entre as parroquias de Santa María e San Xurxo.

Con esta obra, o Concello de Salceda segue o seu libro de ruta de recuperación de espazos abandonados para uso e dsfrute dos veciños e veciñas así como das persoas que elixen o municipio como destino turístico. A recuperación da área de Rubás é unha actuación demandada pola veciñanza da zona, que agora se fai realidade dentro das obras do Plan Concellos. A recuperación de espazos públicos, xunto coa creación da Rede de Sendas Fluviais están a ser o sinal de identidade dun Equipo de Goberno preocupado polo medio e o entorno natural, así como pola posta en valor dos numerosos recursos naturais existentes en Salceda de Caselas.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a recuperar Salceda para uso e desfrute dos nosos veciños e veciñas. O espazo de Rubás, coa súa excepcional fonte centenaria, volverá servir de punto de encontro e lecer para salcedenses e visitantes; un pasiño máis na construcción da Salceda que soñamos entre todos e todas”.