Salceda recupera o Entruido Tradicional

2018.02.06 Entruido

A Praza do Concello de Salceda de Caselas viviu esta mañá un momento histórico coa presentación do Entruido tradicional que este ano se recupera despois de máis de 50 anos desaparecido. Así o próximo domingo pola mañá fará a súa posta en escena o Rancho de Carnaval do barrio da Feira, composto por seis danzantes e duas damas, e farano acompañados por outra figura tamén histórica e desaparecida dende antes da Guerra Civil, que é a figura dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o Rancho de Carnaval puidese executar as súas danzas. Cabe lembrar que históricamente existían dous Ranchos de Carnaval, o do Castro Barreiro e o da Feira, polo que os veciños e veciñas da Feira agardan que tamén o seu eterno rival recupere o seu rancho, e poder así recuperar tamén este histórico enfrontamento.

Por outra banda escenificarase tamén a I “Borrallada” no Parque Raíña Aragonta; unha peculiar loita entre mamarrachos na que se lanzan cantidades de borralla entre eles. A figura dos mamarrachos, tamén desaparecida ata o de agora, era a de persoas vestidas con roupas vellas e coa cara tapada, que iban meténdose coa xente que non estaba disfrazada, asustándoos con vexigas de porco e lanzándolles borralla.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura, agradeceu o traballo da Asociación Cultural A Feira para chegar a esta realidade, personificando dito agradecemento en Manolo Cabaleiro, secretario de dita asociación e principal precursor desta recuperación. Así mesmo aproveitou para convidar a salcedenses e forasteiros/as a visitar Salceda nas datas de Entroido, para disfrutar deste e dos demáis eventos programados dende o venres ata o martes.

Manolo Cabaleiro, secretario da Asociación Cultural A Feira e responsable desta recuperación, felicitaba hoxe aos barrios de A Feira e Castro Barreiro por manter esa característica rivalidade de Entroido durante tantos anos, facéndoo incluso nos tempos da guerra e da dictadura, pero lamentaba que non se fose quen de manter estas outras figuras tradicionais que este ano volven estar presentes no Entroido de Salceda.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, amosouse orgulloso do pobo de Salceda que se ten convertido xa en referente en temas relacionados co folclore e as tradicións, agradecendo o traballo de tódalas entidades que levan ben alto o nome de Salceda polo País adiante. Así mesmo, non quixo deixar de felicitar á Asociación Cultural A Feira pola enorme labor realizada a cabo na recuperación destas manifestacións históricas que o domingo se poderán presenciar en Salceda.