Salceda presente no Festival de Cans

O Concello de Salceda súmase ás colaboracións do Festival de Cans, e faino a través da participación da Banda Cultural de Salceda. O vindeiro sábado 24 de maio, a partires das 13:00, a banda estará no torreiro de Cans ofrecendo concertó e pasarrúas, e facendo a estrea en primicia do pasodobre “Agroglamour en Cans”, escrita por Roxelio Groba.

Salceda únese así a un festival único que ano a ano medra en calidade e en número de asistentes, contándose xa por milleiros as persoas que acuden as diferentes citas co cine e a festa en xeral.

Para facer pública esta colaboración, o Concello de Salceda ven de colocar o can amarelo representativo do festival nas fachadas da Casa da Cultura Castelao e da Casa da Música, sede da Banda de Música Cultural.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, agradeceu a implicación e a boa disposición da Banda Cultural de Salceda dende o primeiro momento en que se lle plantexou a posibilidade de colaboración co festival, mostra unha vez máis da actitude de traballo man a man entre agrupación musical e Concello.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, aproveitou para destacar o importantísimo traballo que está a levar Alfonso Pato xunto con todos os implicados no festival, e a maneira de demostrar como con poucos recursos se poden facer grandes eventos cando a actitude é a correcta.

 

Foto: Nardo Fernández, Presidente da Banda Cultural de Salceda, Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Marcos Besada, Alcalde de Salceda, no balcón da Casa da Cultura Castelao.

 

Gabinete de Prensa, 16 de maio de 2014