Salceda pagará os terreos do Raíña Aragonta en poucas semanas

IMG_5017 copia

O Equipo de Goberno de Salceda de Caselas levou a un Pleno Extraordinario este venres as condicións da operación de crédito a longo prazo destinada ao pago dos terreos expropiados para a construcción do Parque Raíña Aragonta. O crédito terá unha duración de 20 anos, aos que a proposta do Equipo de Goberno engadía un periodo de carencia de dous anos que permitise encaixar as cuotas do préstamo nun novo orzamento, pero os votos da oposición impediron esa carencia. O Equipo de Goberno enfróntase polo tanto á difícil tarefa de encaixar uns gastos de aproximadamente 40.000 € neste 2017 nun orzamento calculado para cubrir os servizos básicos á cidadanía.

No ano 2005, coa expropiación dos terreos para o Parque Raíña Aragonta, sete propietarios non aceptaron os 24,04 €/m2 que lles ofreceu o Concello e recurriron ao xustiprezo, que lles recoñeceu 201,06 €/m2, ratificado despois polo TSX de Galicia no ano 2013.

Dende aquela, o novo Goberno do Concello leva afrontado xa o pago de 454.203,98 €. As últimas sentenzas do TSX obrigan ao Concello a facer pagos en curtos períodos de tempo, o que pon en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello, podendo causarlle serias dificultades á hora de manter servizos básicos para a cidadanía, polo que no pasado mes de marzo o Pleno do Concello aprobou a solicitude deste préstamo de 789.723,63 €, que permitirá que dunha vez por todas os/as propietarios/as poidan cobrar o que se lles debe, unha vez que os datos económicos do Concello permitiron por vez primeira realizar esta operación.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Este Goberno cumpre os seus compromisos, e así o imos a facer tamén cos expropiados do Raíña Aragonta que dunha vez por todas poderán cobrar o que se lles debe”.