Salceda intensifica a coordinación entre os diferentes Corpos de Seguridade do Estado

O Alcalde de Salceda, Marcos Besada, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, copresidiron o xoves a Xunta Local de Seguridade, á que tamén asistiron os Concelleiros Jose Luis González, Loli Castiñeira e Tere Pérez, así como representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local.

A Xunta Local de Seguridade aprobou a solicitude de inclusión no protocolo “Viogen”, de loita contra a Violencia de Xénero, que permitirá un maior acceso á información por parte do Concello de Salceda. Lembraba tamén a Subdelegada que no caso de Salceda de Caselas só existen actualmente tres casos abertos por violencia de xénero, e que son de grado leve.

Os datos amosados na xuntanza pódense valorar positivamente, mantendo a tendencia de anos anteriores. Prodúcese un descenso dun 12% en delitos graves contra o patrimonio,  un 40% en delitos graves contra a liberdade e un 66% noutros delitos graves do código penal. Cabe destacar o aumento dos casos esclarecidos ou resoltos, incrementándose un 24% no caso dos graves e un 53% nos leves.

Os responsables municipais aproveitaron para solicitar unha maior cooperación entre as diferentes forzas de seguridade do Estado, así como unha maior presenza no municipio, que xa se está a facer efectiva nas últimas semanas especialmente por parte da Garda Civil.

Tratouse na Xunta de Seguridade o compromiso de actuación conxunta entre a Garda Civil e a Policía Local na intensificación da vixianza dos locais de ocio nocturnos, velando polo cumprimento de normas e horarios, tal como se ven facendo xa nas últimas semanas.

Jose Luis González, Concelleiro de Seguridade Cidadá: “Os veciños e veciñas saben que Salceda está cuberta as 24 horas do día xa sexa pola Policía Local ou pola Garda Civil. Precisamente esta Xunta serviu para planificar unha maior coordinación entre os diferentes corpos de Seguridade, mellorando en cada un dos campos de actuación.”

Gabinete de prensa, 22 de setembro de 2017