Salceda inicia unha campaña en torno aos alérxenos

As Concelleiras de Educación e Consumo do Concello de Salceda de Caselas, Tere Pérez e Loli Castiñeira, veñen de recibir a un grupo de nais de nenos e nenas con problemas de alerxias e intolerancias alimentarias. Este grupo de nais trasladoulle ás concelleiras a súa preocupación polo descoñecemento xeral de todo o relacionado con este problema, e polas trabas que se atopan no día a día dos seus fillos e fillas en ámbitos tan diversos como poden ser os colexios ou os establecementos hosteleiros.

As nais que prantexaron esta reunión fixérono en nome dun grupo mais amplo de pais e nais, co obxectivo fundamental de dar a coñecer a súa situación, e sobre todo de conseguir unha maior visibilización do problema, que desemboque na súa absoluta normalización. Así pois, pretenden constituír un grupo o máis amplo posible de persoas afectadas por estas intolerancias e alerxias, para poder poñer en marcha accións de sensibilización e difusión sobre as mesmas.  Tanto as nais como as concelleiras animaron a tódalas persoas afectadas por esta situación a que se poñan en contacto co grupo ou co mesmo Concello, para así ir constituíndo unha agrupación que represente a maioría de salcedenses nesta situación.

As iniciativas de información pretenden centrarse sobre todo en dous ámbitos. Por unha banda considérase fundamental a actuación nos colexios, para evitar a separación dos nenos e nenas con alerxias e intolerancias, traballando na integración dos mesmos sobre todo á hora da organización de festas, nas que estes cativos se ven obrigados a levar o seu propio menú e imposibilitados de disfrutar da festa nas mesmas condicións que os seus compañeiros. Por outra banda prantéxase a necesidade de dirixirse ao sector hosteleiro. As nais son conscientes de que se están a dar pasiños neste senso, pero denuncian que a maioría dos establecementos seguen a incumplir a normativa que lles obriga a ter unha carta de alérxenos e a ofrecer estes productos.

Pola súa banda, as Concelleiras explicáronlles ás nais os pasos que se foron dando dende o Concello, e as dificultades que se están a atopar baseadas sobre todo no enorme descoñecemento por parte de hosteleiros e outros sectores. Dende o Concello manifestaron a sua preocupación con esta cuestión, que consideran fundamental, establecendo o compromiso de traballar man a man co colectivo de afectados e afectadas na liña de conseguir unha abosluta normalización deste tipo de situacións.