Salceda homenaxea o “baby boom” no Estourazo

O vindeiro sábado 14 de xullo Salceda dá o pistoletazo de saída das Festas do Cristo e faino ás 22:00 horas dende o balcón da Casa da Cultura Castelao, co xa tradicional “estourazo”. Este ano a encargada de disparar o estourazo será Inés Curro, matroa de Salceda, e máxima representante do que se ven chamando a “Salceda do baby boom”, pois polas súas mans pasan a práctica totalidade das mulleres que cada ano dan a luz en Salceda. Así, este ano o Equipo de Goberno decidiu renderlle unha máis que merecida homenaxe a todas esas mulleres e a os centos de cativos e cativas que enchen de alegría a vila cada día. A elección de Inés Curro como representante serve tamén como agradecemento á enorme laboura que está a levar a cabo en Salceda, coa creación de proxectos como “O Coliño Bailongo”, que se ten convertido xa en referencia ao longo do País como método para favorecer un bo embarazo e un parto máis fácil, así como para acrecentar máis aínda se cabe os vínculos entre nais e fillos/as unha vez que estes/as deixan o ventre materno.

Salceda leva estado á cabeza tanto no que se refire á maior taxa de natalidade como á menor idade media dos municipios de Galicia, polo que este feito ben merecía ser homenaxeado nunha festa como a do Estourazo.

O Estourazo estará precedido do desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda, que reúne cada ano a ducias de gaiteiros/as e percusionistas de Salceda e arredores que se xuntan anualmente para a ocasión. Salceda dá así comezo ás súas festas máis tradicionais, que culminarán o vindeiro luns 16 de xullo, festividade local en Salceda.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Inés Curro desenvolve un enorme traballo na nosa vila e queremos aproveitar as nosas festas para agradecerllo. Así mesmo, queremos homenaxear a tódalas nais de Salceda, indispensables para seguir a crear unha vila tan chea de vida”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguiremos a traballar pola Salceda do “baby boom” e todo o que leva parello. Os nosos nenos e as nosas nenas seguirán a ser o motor do noso traballo, e para todos eles vai esta pequena homenaxe”.

Salceda de Caselas, 11 de xullo de 2018