Salceda homenaxea á Sociedade “Hijos de Entienza”

O Concello de Salceda, a Comunidade de Montes de Entenza, e a Asociación de Xóvenes “A Turonia”, veñen de render homenaxe á Sociedade “Hijos de Entenza”, fundada en Bós Aires en 1.920, e que durante anos acolleu aos emigrantes da parroquia de Entenza en Bos Aires.

Para comezar o acto realizouse unha ofrenda floral no Cemiterio  Parroquial (obra financiada pola Sociedad en 1.923), no cal se rehabilitou o “Espazo da Memoria da Sociedade Hijos de Entenza” na entrada do mesmo, recuperando a placa na que aparecen nomeados os emigrantes que participaron na financiación do cemiterio. A continuación realizáronse as intervencións ante a Casa-Escola de Entenza (obra financiada pola Sociedad en 1.933). O recoñecemento complétase coa exposición sobre as “Sociedades de Instrucción”, como a Sociedad “Hijos de Entenza”, creadas polos Emigrantes galegos polo mundo para construir novos edificios educativos, do Consello da Cultura Galega, que  está este mes de marzo aberta na Casa da Cultura Alfonso D. Rguez. Castelao.

Os promotores desta institución, Manuel Pérez Gándara e Alberto Estévez, xunto con outros 49 entencenses fundaron en Bos Aires no 1920 a Sociedad de Fomento y Eduación Hijos de Entienza. Os seus obxectivos primordiais foron a protección mutualista dos emigrados, así como a loita contra o caciquismo e o fomento de obras en beneficio da súa parroquia de orixe. Isto puxo de manifesto o forte vencello que, a pesar da distancia, seguían mantendo cos seus e coa súa terra nai.

As obras fundamentais feitas pola sociedade na parroquia de Entenza foron o Cemiterio Parroquial que hoxe acolleu a ofrenda floral, a Casa-Escola que hoxe en día alberga o Centro Cultural e serve tamén de aula do CRA Raíña Aragonta da parroquia e a Ponte do Picado, que serviu para unir Entenza con Arantei.

No emotivo acto estiveron presentes os que foron representantes da Sociedade na parroquia de Entenza, así como os familiares dos xa falecidos.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Cumprimos neste acto de xustiza cunha débeda pendente de recoñecemento aos nosos antergos, e coas sociedades que como Hijos de Entienza deixaron en herdo unha Entenza, unha Salceda e un País cos mellores servizos posibles a prol da súa Terra Nai, para disfrute das novas xeracións”.