Salceda fomenta a Formación e o Emprego poñendo o CDL do Torrón a pleno rendemento

A Concellaría de Formación e Emprego do Concello de Salceda, que dirixe Loli Castiñeira, informa da incorporación de tres novas persoas no equipo de traballo destinado ao CDL O Torrón. Así, xunto ao Técnico Local de Emprego que ata o de agora ven prestando os seus servizos no CDL, incorpóranse agora dúas Orientadoras Laborais e unha Auxiliar Administrativa, poñendo así a pleno rendemento un departamento fundamental para a inserción laboral de moitos e moitas salcedenses.

O obxectivo fundamental do equipo vai ser conseguir a “autoorientación laboral” dos usuarios, centrando os esforzos do persoal en conseguir que os demandantes de emprego e formación sexan quen de actualizar os seus propios currículos, buscar por si mesmos as mellores ofertas de emprego e formación… sen depender tanto de que haxa ou non haxa persoal dispoñible para facerlles este tipo de tarefas.

Estas incorporacións seguen na liña dos grandes esforzos que se están a facer dende o Concello por potenciar as áreas sociais (formación e emprego, benestar social, sanidade, educación…) nuns momentos nos que estas áreas cobran vital importancia pola situación delicada que atravesan moitas familias tanto de Salceda como dos arredores.

Lembran dende o CDL que no edificio ofrécense tódolos servizos de asesoramento e información relacionados cos servizos públicos de emprego, xestión e cobertura de ofertas de emprego, xestión e solicitude de acreditación de experiencia profesional e de certificados de profesionalidade para usuarios… Así mesmo, destácase a importancia de que os demandantes de emprego estean inscritos na Bolsa de Emprego Municipal, á cal recurren numerosas empresas en busca de persoal ao que poder ofrecer un posto de traballo.

Loli Castiñeira, Concelleira de Formación e Emprego: “O Concello de Salceda está a ofrecer servizos propios dun Concello de primeira categoría, o que está a facer que sexamos xa referencia en moitos outros Concellos da Comarca. Animamos a tódolos demandantes de emprego e de formación a que se acheguen ao CDL para recibir a información máis interesante e axeitada para eles”

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Concello de Salceda seguirá a centrar os seus esforzos nas áreas sociais, ofrecendo oportunidades aos veciños e veciñas que están a sufrir con máis severidade as consecuencias da crise. Cada euro investido no fomento do emprego así como no resto de áreas sociais é un euro ben investido, e esta seguirá a ser a liña de traballo do noso Concello”.