Salceda equipara os dereitos de Incapacidades Temporais de laborais e funcionarios/as

2016.03.03 Pleno

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade a proposta do Grupo de Goberno de equiparar os dereitos do persoal laboral e eventual cos do funcionariado, no que se refire aos complementos retributivos por incapacidades temporais.

A Lei 2/2015 de 29 de abril, de Emprego Público de Galicia recollía unha mellora nos complementos para o funcionariado de tódalas administracións, que agora o Concello de Salceda de Caselas fai extensible tamén ao persoal laboral e eventual. Con esta medida cúmprese o acordado na Mesa Xeral de Negociación do Concello o 21 de xaneiro de 2016, onde o Equipo de Goberno se comprometeu cos representantes dos traballadores a levar esta proposta a Pleno.

Segundo o acordado, o Concello de Salceda de Caselas complementará as prestacións por incapacidade temporal que correspondan ao seu persoal funcionario, laboral e eventual que manteña unha relación que se atope acollida ao Réxime Xeral da Seguridade Social conforme as seguintes regras:

  1. Nos casos de continxencias profesionais e continxencias común que xeren hospitalización ou intervención cirúrxica, así como nos de enfermidade grave, aboarase un complemento ata alcanzar o cento por cento das retribucións dende a data de inicio da situación de incapacidade temporal.
  2. Nos casos de enfermidade común non grave ou accidente non laboral, o complemento calcularase do modo seguinte:
  • Dende o primeiro día da situación de incapacidade temporal ata o terceiro día inclusive aboarase un complemento ata alcanzar o 50% das retribucións.
  • Dende o cuarto día da situación de incapacidade temporal ata o vixésimo día inclusive aboarase un complemento ata alcanzar o 75% das retribucións.
  • A partir do vixésimoprimeiro día da situación de incapacidade temporal aboarase un complemento ata alcanzar o 100% das retribucións.

Jose Luis González, Concelleiro de Persoal: “parécenos o máis xusto equiparar os dereitos de toda a plantilla municipal, independentemente da súa condición de laboráis, eventuais ou funcionarios. Con esta medida garantimos que así sexa, e cumprimos co acordado na Mesa de Negociación cos representantes dos traballadores en xaneiro”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Os empregados públicos seguen a pagar as consecuencias dunha crise da cal os quixeron facer culpables. Dentro das medidas das nosas posibilidades seguiremos a mellorar as súas condicións laboráis nos límites en que a lei nos permita facelo”.