Salceda ensínalles ás asociacións a manexar a Administración Electrónica

2018.05.12 Rexistro

O Concello de Salceda de Caselas ten convocadas a máis de cincuenta asociacións e colectivos para o vindeiro martes 15 de maio ás 20:00 no Auditorio Municipal, para a asistencia a unha xornada de formación sobre a Administración Electrónica. A charla está aberta tamén a todas aquelas persoas que desexen asistir, sexan ou non representantes de alguna asociación.

Na charla, as Asociacións poderán coñecer os requisitos precisos para a tramitación de expedientes a través da Sede Electrónica, con especial atención aos diferentes certificados que se precisan para poder acceder á mesma. O persoal técnico encargado da formación realizará exemplos prácticos de tramitación na Sede Electrónica, así como de seguemento dos expedientes e notificacións.

Por outra banda, ofrecerase tamén información sobre a FACE, o punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración Xeral do Estado. As asociacións están obrigadas a empregar esta plataforma na súa facturación co Concello e coas demais administracións, polo que a xornada resultará de grande interese para todas elas. A FACE ofrece a ventaxa de poder consultar o estado de tramitación das facturas, polo que resulta moi práctica para empresas e asociación unha vez que teñen aprendido o seu correcto funcionamento.

As asociacións coñecerán de primeira man as grandes ventaxas da Administración Electrónica, como a dispoñibilidade 24 horas da mesma, a facilidade de acceder dende calquera punto, o aforro de tempo, a simplificación dos trámites, ou a mellora da seguridade nas transaccións.

Dende o Concello insisten na importancia de asistir a esta xornada, que sen dúbida resultará de gran utilidade para asociacións, colectivos e público en xeral.

 

Salceda de Caselas, 12 de maio de 2018