Salceda desactiva máis de 70 niños de vespa velutina con medios propios

O Concello de Salceda de Caselas informa da desactivación de máis de 70 niños de vespa velutina no territorio do municipio, grazas á acción dun grupo de voluntarios coordinados pola Concelleira de Medioambiente Carla Pérez. É a propia veciñanza a que comunica ao Concello a existencia de niños en diversos puntos, pasando entón a actuar o grupo de voluntarios. Lévanse desactivado niños en vivendas, fachadas de edificios, recintos escolares e en diversos puntos de Salceda.

No presente ano tense detectado un incremento poboacional de vespa velutina en Salceda, en comparación cos datos do ano pasado. Lembran dende o Concello que os principais perigos son o ataque ás poboacións de abellas autóctonas, así como os riscos para a seguridade cidadá, fundamentalmente nos casos de persoas alérxicas ás picaduras.

Ademáis do material proporcionado pola Xunta de Galicia, o equipo de Salceda desenrolou os seus propios medios, conseguindo unha pértiga moito máis lixeira e que lles facilita en gran medida o traballo, xa que hai que lembrar que son moitos os niños que se atopan a gran altura, o que fai máis complicado o acceso aos mesmos.

O grupo reúnese nas tardes dos martes, desactivando unha media de seis niños por xornada. As parroquias máis afectadas son Soutelo, Santa María e Picoña, nas que se precisou un maior número de intervencións. Así mesmo, préstase especial atención ao casco urbano, así como a zonas de máxima urxencia por ser frecuentadas por nenos/as, persoas maiores, ou persoas alérxicas.

O Concello de Salceda agradece enormemente o traballo levado a cabo por este grupo de voluntariado, sen o cal sería imposible manter a poboación de vespa velutina controlada. Lembran que a Xunta de Galicia non fixo os seus deberes neste tema dende o primeiro momento, ata rematar derivándolles o problema aos Concellos, que se teñen que buscar a vida para solucionalo co escaso material que se lles aporta.