Salceda de Caselas pecha o exercicio económico de 2015 coas contas con Superavit Orzamentario e Aforro Neto Positivo.

A débeda coas entidades financieiras sitúase a finais do 2015 nun 28% dos ingresos correntes dun ano. Ó remate deste ano situarase por debaixo do millón de euros.

O Concello de Salceda de Caselas acaba de pechar as súas contas do exercicio pasado e dalas a coñecer publicamente a través do documento de liquidación do orzamento do 2015.

Os resultados económicos que o Equipo de Goberno de Movemento Salceda fixo públicos reflicten no peche das contas unha situación de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financieira dando cumprimento ó establecido na Lei Orgánica 2/2012. Deste xeito os recursos correntes e de capital  son suficientes para facer fronte ós gastos correntes e de capital, obtendo unha capacidade investidora de 452.112,19 €, situación calificada como de equilibrio en termos de capacidade de financiamento municipal.

Constátase o cumprimento da “Regra de Gasto” con respecto ó exercicio económico anterior polo cal o Concello de Salceda non superou o seu gasto en máis do estipulado polo Estado segundo o crecemento do PIB fixado polo Estado.

Pola diferenza dos dereitos recoñecidos netos (ingresos) de 4.260.620,33 € e as obrigas recoñecidas netas (gastos) de 3.382.961,77 € obtense o Aforro do Concello ó peche do exercicio e que segundo constata o informe da interventora municipal ascende a 532.079,6 € de Aforro Neto.  Por outra banda o remanente negativo de tesourería  mellora con respecto ó exercicio anterior en 248.314 €, quedando ó final do exercicio 2015 por debaixo do medio millón de euros.

O nivel de débeda do Concello de Salceda de Caselas coas distintas entidades financieiras redúcese considerablemente nos últimos 3 anos. Amortizouse neste tempo 6 dos 11 préstamos que existían por importe de máis de 700.000 €, pechando o exercicio 2015 en 1,1 millóns de euros e que representa un 28,46% dos ingresos correntes liquidados nun ano, moi por debaixo do límite do 75% de referencia para as administracións.

José Luis Gonzalez, Concelleiro de Facenda: “ Os datos ó peche do exercicio 2015 melloran substancialmente. Conseguimos un aforro orzamentario de medio millón de euros e reducimos a débeda municipal considerablemente o cal nos da marxe de actuación financieira, xa que cumprimos cos obxectivos que marca a Lei en materia económica e de Estabilidade”

Marcos Besada: “Aínda estando gobernando en minoría e sufrindo recurtes constantes dende outras administracións, seguimos a traballar e a conseguir día a día manter os servizos básicos para a nosa cidadanía”.

Gabinete de prensa.

Concello de Salceda de Caselas.