Salceda contrata a nove persoas en situación de desemprego

2018.05.04 Contratacións

 

O Concello de Salceda ven de incorporar á súa plantilla un total de 9 veciñas e veciños en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As prazas cubertas son as de 1 animadora sociocultural, 1 orientadora profesional para a inserción, 2 albaneis, 2 persoas de limpeza, 1 condutor de camión e 2 administrativas. Segundo o previsto, os contratos irán dende o 2 de maio ata o 31 de decembro de 2018.

A Concelleira de Formación e Emprego e primeira tenente de alcalde do Concello de Salceda, Loli Castiñeira, sinalaba a importancia desta nova quenda de contratacións “que contribuirán a paliar a dura situación que viven moitos dos nosos veciños e veciñas que están en situación de desemprego”.

Por outra banda, as contratacións servirán para dar cobertura ás demandas da veciñanza, cubrindo as necesidades dos servizos básicos xestionados dende o propio Concello, tanto dentro como fora das instalacións municipais.

O Equipo de Goberno destacou a transparencia de todo o proceso, así como a igualdade de oportunidades. Mostra delo é que das 9 persoas contratadas solo duas traballaron previamente no Concello de Salceda, sendo as 7 restantes a primeira ocasión en que teñen oportunidade de formar parte da plantilla municipal. Lembran dende o equipo de Goberno que dende o ano 2007 se eliminou a presenza de cargos políticos nos tribunais de selección, que agora están formados unicamente por persoal municipal, garantindo así os máximos criteiros de obxectividade e transparencia.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A transparencia coa que se levou a cabo todo o proceso garante que as persoas seleccionadas sexan merecedoras do posto, e que accedan ao mesmo en igualdade de oportunidades co resto de candidatos/as. Estas contratacións mellorarán sen dúbida os servizos que o Concello ofrece á cidadanía, e que agora se ven reforzados con máis persoal”.

 

Salceda de Caselas, 4 de maio de 2018