Salceda busca a implicación da sociedade na mellora da convivencia cidadá

O vindeiro venres, 29 de decembro, terá lugar na Casa do Concello, unha reunión que ten, como obxectivo prioritario, seguir avanzando en facer de Salceda de Caselas, un concello máis seguro. Na reunión participarán representantes de asociacións e colectivos e dos grupos da Corporación Municipal, participando, por parte do Goberno local, os concelleiros José Luis González e Miguel González. A reunión, segundo explicaba o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Luis González, “é un paso mais dentro da liña que segue o Goberno local de cara a conseguir un concello seguro” obxectivo que para o que é preciso, engadía González, “a ‘complicidade’ e axuda de todos os colectivos que compoñen a sociedade de Salceda, á hora de achegar ideas e suxestións que poidan servir para mellorar a seguridade cidadá e a convivencia veciñal”. O Concello de Salceda de Caselas, tal e como quedou reflectido na última xuntanza da Xunta Local de Seguridade celebrada no mes de setembro, experimentou unha diminución considerable, respecto ao ano anterior, nos casos de delitos contra a propiedade. Do mesmo xeito os demais delitos, tanto graves como leves, amosaron unha tendencia á baixa. Na Xunta Local de Seguridade, na que participan o Goberno local, Subdelegación do Goberno, Policía Local, Garda Civil e Policía autonómica, detectouse, non obstante, un pequeno incremento nas infraccións administrativas, destacando neste eido as estafas por internet. En todo caso, apuntaba o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Luis González, “a conclusión xeral foi moi positiva o que amosa ás claras o traballo desenvolvido pola Policía Local e o alto grao de colaboración e cooperación entre esta e a Garda Civil”. Doutra banda, José Luis González tamén destacou as reunións mantidas con colectivos veciñais e o sector da hostalería, de cara a poñer en marcha o programa ‘Boas Noites’, unha iniciativa que busca compatibilizar o dereito ao descanso dos veciños e veciñas coa lexítima actividade dos locais de ocio. Expresaba o concelleiro de Seguridade Cidadá, o seu convencemento de que “é posible poñer en marcha un programa que permita a convivencia cívica entre veciños e hostaleiros e que, por tanto, permita a conciliación do ocio nocturno e o dereito ao descanso”.