Salceda aposta polo Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Salceda de Caselas ven facendo unha aposta forte polo servizo de Axuda no Fogar (SAF), dentro dos programas ofertados dende os servizos sociais. Así, a día de hoxe, o Concello atende a 36 usuarios/as cun total de 1.785 horas mensuais a través do programa na súa modalidade de “Dependencia”, cofinanciado pola Xunta de Galicia e polos propios usuarios/as, aos que hai que sumarlles outrs/as 12 usuarios/as cun total de 255 horas mensuais atendidos/as a través da modalidade de “Libre concurrencia”, cofinanciado neste caso pola Deputación de Pontevedra e tamén polas propias persoas beneficiarias. Ámbalas dúas modalidades supóñenlle ao Concello de Salceda a día de hoxe un desembolso de 68.300 € de fondos propios, que o Concello adica a sufragar este programa.

O servizo de Axuda no Fogar conleva actuacións levadas a cabo no contorno das persoas relacionadas coa atención de carácter persoal, que permitan á persoa usuaria a realización das actividades básicas da vida diaria, así como atencións de carácter doméstico e do fogar coa finalidade de incrementar a súa autonomía persoal e calidade de vida. Trátase, ante todo, de facilitar que as persoas maiores poidan permanecer nos seus domicilios o maior tempo posible, sen necesidade de que sexan trasladadas a centros de maiores. Así pois, despois das correspondentes valoracións de cada caso levadas a cabo polas traballadoras sociais do Concello,  concédelles o servizo ás persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.

Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo vital para moitas persoas, que de non contar con este programa veríanse imposibilitadas de poder permanecer nos seus domicilios. Estamos convencidos de que é nos Servizos Sociais e no resto de áreas sociais onde se debe facer o maior esforzo por parte das diferentes administracións, e dende o Concello de Salceda así o imos a seguir a facer, agradecendo a implicación do Departamento de Servizos Sociais, fundamental para sacar adiante os diferentes programas sociais que temos en marcha no Concello de Salceda”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Benestar dos nosos veciños e veciñas é o principal motor da nosa acción de goberno. Seguiremos a traballar por todos eles, priorizando en todo momento a defensa e o coidado das persoas máis desfavorecidas, con especial atención nas familias con menores a cargo. As diferentes administracións temos a obriga de garantir unha vida digna aos nosos veciños e veciñas”.