Programa de apoio lingüístico para menores en Salceda de Caselas

2016-11-09-inmersion-linguistica

As Concellarías de Ensino e Voluntariado do Concello de Salceda de Caselas, dirixidas por Tere Pérez e Carla Pérez respectivamente, veñen de poñer en marcha a III edición do Programa de Apoio Lingüístico para nenos e nenas inmigrantes escolarizados no municipio.

Trátase dunhas sesións que se realizan dúas tardes por semana nas que compoñentes do Voluntariado de Salceda de Caselas realizan actividades e xogos para lograr unha maior inmersión lingüística cos cativos inmigrantes e procedentes doutras culturas. O programa acolle a nenos e nenas procedentes de Marrocos e China.

O programa ponse en marcha en coordinación cos equipos de orientación do CEP Altamira e do CRA Raíña Aragonta, que son os encargados de establecer os casos que participan no programa, e de trasladarlles a información ás familias para que coñezan de primeira man a iniciativa.

Neste curso serán dúas as voluntarias que se encarguen da actividade, da que se van ver beneficiados uns nove cativos. Os equipos de orientación dos centros escolares valoraron moi positivamente os resultados obtidos nas dúas edicións anteriores do programa, polo que agradeceron a continuidade do mesmo, ensalzando a enorme labor das voluntarias, que se prestan a estas e outras iniciativas de xeito totalmente desinteresado. Como novidade para este curso, póñense en marcha tamén sesións de traballo para as nais dos nenos e nenas, que acudirán unha vez por semana a traballar coas mesmas voluntarias. En moitos casos estas mulleres teñen que ser traducidas polos seus fillos e fillas para poder facerse entender, polo que elas mesmas manifestaron o seu interese en participar do proxecto.

Carla Pérez, Concelleira de Voluntariado: “A Bolsa de Voluntariado de Salceda segue a dar exemplo da súa boa predisposición e traballo, sendo un grupo fundamental para o funcionamento de eventos e actividades que se veñen desenvolvendo dende o Concello e dende o tecido asociativo de Salceda”

Tere Pérez, Concelleira de Ensino e Benestar Social: “é un enorme orgullo para nós poderlle ofrecer este programa ás familias que elixen Salceda como lugar de residencia. Agradecemos o esforzo e o interese por parte dos centros educativos neste tipo de iniciativas que están a resultar de grande axuda para estes pequenos”.

Gabinete de Prensa, 9 de novembro de 2016