Os nenos e nenas do CEP Altamira coñecen o CDL do Torrón

Case un centenar de nenos e nenas de 1º curso do CEP Altamira realizaron unha visita ao edificio do CDL do Torrón, para coñecer tanto as instalación como as actividades que nelas se ofrecen. Os cativos e os seus mestres foron recibidos pola Concelleira de Formación e Emprego, Loli Castiñeira, que lles presentou o persoal que nese momento prestaba os seus servizos no edificio.

Posteriormente, os técnicos Claudio González, Pedro Álvarez e Jacobo Curto ensináronlles as instalacións aos cativos, que puideron visitar as aulas de carpintería e informática e o salón de actos. A xornada rematou coa visita á aula de hostalería, onde os nenos e nenas disfrutaron dun almorzo a base de froitas e zumes, atendidos pola Bolsa de Voluntariado do Concello de Salceda.

A visita enmárcase dentro da iniciativa do CEP Altamira, de amosarlle o entorno máis próximo ao alumnado, o que se traduce en visitas como esta, que se suman ás xa realizadas ás instalacións da Policía Local, Correos, a Casa da Música ou a Casa da Cultura entre outras.

Loli Castiñeira, Concelleira de Formación e Emprego: “é fundamental que os cativos coñezan as instalación que teñen ó seu arredor, neste caso o CDL do Torrón. Non podemos esquecer que os que hoxe nos visitan, mañá serán os usuarios destes e outros servizos, polo que é importante que os coñezan dende o primeiro momento”.

Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “valoramos moi positivamente este tipo de iniciativas. Parécenos  fundamental que os pequenos coñezan o seu entorno máis cercano e o funcionamento dos estamentos que os rodean. Vaia a miña noraboa ao CEP Altamira por este proxecto de tanta importancia para os nosos nenos e nenas”.

 

Gabinete de prensa, 15 de marzo de 2016