Os espazos públicos de Salceda locen de novo a súa mellor cara

2018.03.05 Graffittis2

O Concello de Salceda está a acometer un Plan de Recuperación de Espazos Públicos naqueles puntos máis afectados polo vandalismo, que afecta sobre todo con pintadas e desperfectos nos murais con que o Concello ven decorando diferentes espazos.

Dous dos puntos máis afectados eran o espazo da Fonte das Carballas e o espazo do antigo matadoiro, onde comeza a Senda Francisco Estévez, no Río Landres. A posta en valor de ámbolos dous espazos levada a cabo polo Concello de Salceda nos últimos anos, destaca polos grandes murais que presiden as dúas áreas, e que chaman a atención de cantos ata alí se teñen achegado. Sen embargo, nos últimos meses os murais tiñan aparecido con diversos desperfectos que agora veñen de repararse, volvendo a lucir en todo o seu esplendor.

Dende o Concello de Salceda solicitan a colaboración da veciñanza na conservación dos espazos públicos, así como na denuncia dos casos de vandalismo dos que poidan ser coñecedores/as.

Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo: “Queremos que Salceda siga a lucir a súa mellor cara, e sigamos a ser referencia en toda a comarca como o estamos a ser ata o de agora. A colaboración cidadá resulta fundamental para seguir a ter a vila que soñamos e que entre todos e todas construímos”.