O Consorcio do Louro prestará o servizo de baleirado de fosas sépticas domésticas

b1aa8318-ba09-41c1-84e9-f301a540884c

O Comité Directivo do Consorcio, na súa reunión do pasado luns día 30 de xullo, acordou prestar os servizos de baleirado de fosas sépticas, transporte e xestión dos lodos na depuradora de Guillarei.
A iniciativa xurde da necesidade de dar unha alternativa real e viable a aquelas vivendas que, a día de hoxe, non teñen posibilidade de conectar polo de agora ás redes de saneamento.
Unha resposta dos catro concellos ás demandas dos veciños e veciñas para que, mentres non sexa posible facer a conexión, as vivendas teñan garantido o servizo en igualdade de condicións e a un custe similar.
O servizo prestarase de xeito uniforme nos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e estará regulado mediante unha ordenanza única, co mesmo prezo público nos catro concellos e incluirá, de ser necesario, o servizo de limpeza e desentullo de canos e desaugadoiros.
O prezo por baleirado será de 100,86 € mais o IVE correspondente, ao que se lle engadirá unha taxa anual de depuración de 46,80 € que se liquidará unicamente co primeiro baleirado de cada ano natural.
Deste xeito, o Consorcio pretende facilitar aos veciños o mantemento periódico das fosas sépticas e pozos negros particulares, de tal xeito que se garanta a correcta xestión dos lodos e se eviten verteduras incontroladas, o que, sen dúbida, repercutirá nunha melloría na calidade das augas dos pozos ou mananciais.
Camiño da Veiga s/n · 36720 Guillarei (Tui) · Tfno 886 609 801 · Fax 986 166 722 · contacto@consorciodolouro.es
O acordo someterase a información pública para acadar a súa aprobación definitiva, momento no que se poderá solicitar o servizo presentando unha solicitude en calquera das catro oficinas do Consorcio.
O texto completo da ordenanza pode consultarse na web do Consorcio www.consorciodolouro.es