Saúda do alcalde

MARCOS3

Veciñas e veciños de Salceda de Caselas,

Neste intre en que se produce un feito transcendente como é o de asumir o cargo de Alcalde quero transmitirvos un cordial saúdo e a miña disposición de estar ao voso servizo con enteira dedicación.

Eu como Alcalde e as concelleiras e concelleiros que me acompañan, somos plenamente conscientes de que o gran reto que abordamos non é outro que o de poñer a Salceda de Caselas por riba de todo, e á cidadanía salcedense como principal obxectivo ao que atender en tódolos aspectos, para acadar os mellores niveis en calidade de vida e benestar.

Salceda de Caselas conta cunha gran riqueza que non reside en grandes construccións nin singulares monumentos. A súa grandeza reside na súa xente, unha cidadanía que ten por divisa o seu esforzo e o espírito emprendedor de quen quere acadar o mellor de si e ofrecelo ao conxunto da sociedade.

Pódese dicir que son moitos os anos nos que as potencialidades propias e as achegas das veciñas e veciños salcedenses non tiveron a canle pola cal encamiñárense cara o seu mellor aproveitamento, en tódolos sentidos. Igualmente, é certo que nada está perdido, neste mundo globalizado nos que no vemos inmersos, para crear o que é un Concello vivo e con recursos.

O noso compromiso, o meu e o do meu goberno, é, de aquí en diante poñer tódolos medios necesarios para que o noso Concello se encamiñe cara un desenvolvemento sostible, no que a riqueza atesourada ao longo dos séculos aflore para o ben común.

Un compromiso na dedicación e o esforzo por conseguir unha Salceda de Caselas orgullosa de seu e para que sexa, dende esta data, un pequeno faro que nos guíe na inmensa tarefa de construír un gran País: Galiza.

 

16 de xuño do 2007

O voso Alcalde

Marcos David Besada Pérez