O Concello de Salceda loita pola mellora do servizo de transporte público

O Concello de Salceda de Caselas, ven de presentar varios escritos, manifestando as súas discrepancias co Plan de Transporte XG-521 “Salvaterra de Miño- Vigo con anexos”. O 22 de xuño de 2017 o Concello de Salceda de Caselas presentou un escrito ante a Dirección Xeral de Mobilidade, para mostrar a súa discrepancia coa Resolución do 29 de maio de 2017 publicado no DOG o 30 de maio, do Anteproxecto XG-521 “Salvaterra de Miño- Vigo con anexos”, no que se contemplaba a desaparición de 14 fecuencias de autobuses (idas e voltas), que representaban o 50% das liñas existentes na actualidade. No novo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de xullo de 2017, establécese unha nova proposta que con respecto ao Anteproxecto incrementa a frecuencia de liñas de autobuses a Vigo e ao Hospital Álvaro Cunqueiro, pero se eliminan liñas de autobuses na franxa horaria que vai dende as 12:00 da mañá ata as 19:45, que é cando existe unha maior afluencia de viaxeiros. Presentando o Concello de Salceda de Caselas un novo escrito o 21 de xullo de 2017, no que mostra a súa disconformidade co Plan proposto pola Dirección Xeral de Mobilidade. A empresa adxudicataria (UTE) Faibus, en vista da ineficiencia dos horarios propostos no Plan de transportes da Xunta, realiza dende o día 8 de agosto do ano 2017, (data na que se adxudicaron os novos contratos) os horarios que a empresa anterior tiña establecidos no Concello de Salceda de Caselas, asegurándose así a cobertura diaria do transporte, desta maneira evitaba o servizo determinado no Plan que non se axusta ás necesidades dos veciños e veciñas. Esta etapa de adaptación presentou varias queixas por parte dos usuarios/as, por un lado pola inexistencia da publicación dos horarios por parte da empresa, e por outra banda polos incumprimentos dos mesmos.

O Concello de Salceda propuxo a creación dunha liña circular que permita unir a Salceda de Caselas con O Porriño e Ponteareas, creando unha liña circular Salceda- O Porriño-Ponteareas-Salvaterra de Miño. Esta liña permitiría o uso como lanzadeira para facer transbordo con outras liñas existentes neses Municipios, sendo ademáis a proposta acollida polas empresas de transporte como rentable e posible.

En vista de que os novos horarios que se aplican a partires do 1 de setembro seguen sen dar cobertura ás necesidades reais dos veciños e veciñas de Salceda, o Concello ven de enviar unha nova reclamación á Dirección Xeral de Mobilidade, solicitando melloras no servizo de transporte para que realmente sexa un servizo eficaz e eficiente, xa que na actualidade non o está a ser.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A incorporación de Salceda no Plan de Transporte Metropolitano supuxo un gran avance e incrementou o uso do transporte público, a través da redución do custe do billete. O obxeto do convenio asinado era mellorar as conexións de transporte para os ususarios e usuarias, polo que non imos consentir o atropelo que supón para os veciños e veciñas de Salceda de Caselas o que está a acontacer na actualidade con este servizo tan necesario. Esperamos que sexan atendidas as nosas demandas por ser de xustiza.  Chegaremos a donde faga falta na defensa dos dereitos dos nosos veciños e veciñas”