O Concello de Salceda facilita os pagos dos recibos de Catastro

2016.03.30 Sito

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellería de Facenda que dirixe Jose Luis González, ven de informar das facilidades que pon a disposición dos veciños e veciñas para realizar os pagos dos recibos do ORAL que están a recibir estes días despois do Proceso de Regularización catastral levado a cabo pola Delegación de Catastro do Ministerio de Facenda. Así, as débedas de ata 600 € poderán fraccionarse ata nun máximo de 6 meses, as débedas de 601 a 2.400 € ata 10 meses, as débedas de 2.400 a 6.000 € nun máximo de 15 meses, e a partires de 6.000 € as débedas poderán dividirse ata en 18 meses. O Concello facilita esta medida conscientes da dificultade que para moitas familias pode supoñer o ter que facer frente ao pagamento das cantidades que se lles reclaman.

Lembran dende o Concello de Salceda que a revisión dos bens inmobles iniciouse no 2013 polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en todo o territorio español, e culmina neste ano 2016. O Estado trata así de detectar as melloras, ampliacións e novas edificacións realizadas polos veciños e veciñas, co obxectivo de que o Catastro teña información das modificacións realizadas e que, polo tanto, os seus propietarios paguen por elas. A ferramenta empregada, ademáis do traballo de campo realizado, foi a das ortofotos, é decir, imaxes aéreas que reflicten os cambios realizados. Lembran tamén dende o Concello que hai xente que xa leva tempo pagando por todo o que ten (piscinas, galpóns, porches, bodegas, etc). Esta  regularización corrixe estas desigualdades con respecto ós veciños e veciñas que xa estaban pagando por todo o que tiñan con respecto aos que non o facían. Lembran ademáis dende o Concello, que con este proceso evítanse as multas que poderían ter que afrontar os propietarios por non ter declaradas estas edificacións no rexistro do Catastro tal e como obriga a lei.

Tras a regularización levada a cabo, agora os propietarios están a recibir nas súas vivendas os recibos do ORAL dos últimos catro anos (os anteriores prescribiron), polo que o Concello de Salceda se suma ás medidas de fraccionamento posibles para facilitar o pago dos mesmos aos seus veciños e veciñas. Para elo, os afectados poden dirixirse á oficina habilitada para os temas relacionados con Catastro, no segundo andar da Casa do Concello.

Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Estamos ante un proceso do Ministerio de Facenda que afecta a grande parte dos nosos veciños e veciñas, sobre todo os habitantes do rural, e que corrixe as desigualdades entre uns e outros. Poremos todas as ferramentas que a lei nos permita a disposición dos veciños e veciñas de Salceda para que estes e outros pagamentos desequilibren na menor medida posible as economías familiares”.

 

Gabinete de Prensa, 30 de marzo de 2016