O Concello de Salceda dotará de sistemas de alarma ás aulas das parroquias

O Concello de Salceda, a través da Concellaría de Ensino que dirixe Tere Pérez, instalará equipos de alarma nas sete aulas coas que conta o CRA Raíña Aragonta nas sete parroquias do municipio. O investimento, con un orzamento de 2.964,50 €,  solicitouse a través do Plan Concellos 2017, polo que en canto se reciba a confirmación por parte do organismo provincial, procederase á súa execución. As previsións son de que os equipos se instalen durante as vacacións de verán dos cativos, evitando así as molestias que se puidesen ocasionar durante o curso escolar.

O CRA Raíña Aragonta é o único colexio de Educación Infantil existente no Concello. Neste curso 2016-2017 conta con un total de 267 nenos e nenas de 3 a 6 anos, repartidos nas 15 aulas coas que conta o centro. Desas 15 aulas, 8 atópanse na sede, ubicada na Rúa Rosalía de Castro, e as 7 restantes atópanse distribuídas ao longo das sete parroquias de Salceda. A singularidade destas aulas illadas nas diferentes parroquias é para o Concello de Salceda un valor a protexer, con un modelo de ensino no que conviven no mesmo espazo os nenos e nenas de 3 a 6 anos, aprendendo os pequenos dos maiores, e adquirindo unha especial responsabilidade os maiores sobre os pequenos.

Un dos problemas cos que se están a atopar o CRA e o Concello é a seguridade de ditas aulas, nas que frecuentemente se producen roubos. Isto provoca un trastorno constante no desenrolo da actividade educativa, chegando a ter que suspender as clases nalgunha ocasión nalgunha das aulas para reparar cando antes os danos causados. Ademais estes incidentes causan nos nenos e nenas unha sensación de angustia e incomprensión que é preciso eliminar canto antes.

Unha vez analizada a situación co equipo directivo do CRA Raíña Aragonta, a instalación de alarmas preséntase como a mellor solución para evitar este problema, xa que noutros edificios públicos nos que se teñen instalado estes equipos os resultados foron definitivos, rematando co problema dunha vez por todas.

Tere Pérez, Concelleira de Ensino: “defendemos o modelo de ensino das parroquias, e queremos garantir as mellores condicións das diferentes aulas. Con este investimento agardamos eliminar dunha vez por todas o problema da seguridade, garantindo así un normal desenrolo da actividade educativa, e sobre todo garantindo a tranquilidade dos máis cativos, que non logran entender por qué invaden os seus espazos deste xeito”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Concello de Salceda ten a enorme sorte de contar con aulas no rural, un valor a conservar e a potenciar pola súa singularidade e polos bos resultados máis que demostrados con este modelo de ensino. Dende o Concello faremos todo o posible por seguir a mellorar as instalacións, e seguiremos a loitar por un ensino público e de calidade”.