O Concello de Salceda aproba en Xunta de Goberno a licenza para a construcción do novo Centro de Saúde

A Xunta de Goberno Local de Salceda de Caselas aprobou a licenza urbanística solicitada polo Servizo Galego de Saúde para a construción do novo Centro de Saúde no municipio. O pasado 8 de setembro de 2017, o Concello de Salceda recibiu a solicitude de licenza por parte da Dirección Xeral de Recursos Económicos do SERGAS. Unha vez avaliada a documentación por parte dos técnicos municipais enviouse un requerimento de subsanación ao SERGAS, requerimento que recibiu resposta no Concello o pasado mércores 18 de outubro. En tan só dous días, o executivo local ven de dar luz verde a través da Xunta de Goberno Local á construción do tan necesario Centro de Saúde.

O pasado 4 de outubro, o Alcalde de Salceda, Marcos Besada, e a Directora Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, Mª Jesús Piñeiro, asinaran ante notario a recepción da parcela cedida polo Concello de Salceda para a construción do novo Centro de Saúde por parte da Xunta de Galicia. O Concello de Salceda de Caselas ten cedida a parcela ao SERGAS dende o 11 de maio de 2011, data na que se aprobou por unanimidade no Pleno Municipal. O pasado 26 de marzo de 2016, Alcalde e Conselleiro asinaban o convenio para a construción do novo Centro de Saúde que hoxe dá un importante paso coa concesión da licenza urbanística que permitirá a realización das obras. O Equipo de Goberno congratúlase de que se sigan a cumprir os pasos establecidos dende a sinatura do convenio.

O novo edificio contará con unha superficie total de 1.321,11 m2, dividida en dúas plantas,  aos que hai que sumar 168 m2 de espazos exteriores descubertos. A nova instalación albergará dúas consultas de pediatría, unha consulta de enfermería de pediatría, 5 consultas de medicina xeral con cadansúa consulta de enfermería anexa e unha consulta de matrona. Simultaneamente á construción do edificio por parte do SERGAS, o Concello de Salceda executará as obras de urbanización da Rúa Mártires de Sobredo, incluídas no Plan Concellos 2017.

Marcos Besada: “Hoxe, coa concesión da licenza urbanística, damos un paso definitivo na consecución do tan ansiado Centro de Saúde. O SERGAS ten agora da súa man que o Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes. Os nosos veciños e veciñas poden ter por seguro que seguiremos a poñer todo da nosa parte para que isto sexa realidade”.