Alcaldía

Salceda aproba por unanimidade a rebaixa do IBI ao 0,40

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do imposto de bens inmobles (IBI) marcando o tipo nun 0,40%, no lugar do 0,50% existente ata o de agora. A proposta da alcaldía presentouse para tratar de compensar dalgún xeito o impacto que poida ter na economía da veciñanza a revisión que catastro está a levar a cabo nos Concellos de Salceda de Caselas, Bueu, O Porriño e Mos.

Salceda completará a humanización de Fernández Sestelo con 150.000 €

O Concello de Salceda de Caselas levará a cabo o proxecto de reurbanización da Rúa Joaquín Fernández Sestelo, no seu tramo entre o entronque coa rúa Compostela e a Praza da Devesa, completando deste xeito o proceso de humanización de toda a rúa, xa que nos últimos anos xa se ten actuado nos tramos entre a Praza do Concello e a Rúa Compostela, así como na zona da Praza da Devesa.

Unanimidade para pedir a reposición do Acueducto do Pontillón

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda aprobou por unanimidade a moción presentada polos grupos de goberno (MS e PSOE) para a protección do patrimonio natural fluvial existente no río Caselas, pedindo expresamente a reposición do acueducto do Pontillón entre as parroquias de Caldelas e Arantei que recentemente foi desmontado durante a execución das obras de “Mellora da permeabilidade no río Caselas” por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.