Mellora no sistema de recollida de lixo

2018.04.20 Illas

O Concello de Salceda está a proceder nestes días á reorganización das zonas de colectores do lixo no rural agrupando os diferentes colectores en “illas de reciclaxe” nos puntos máis acaídos para elo.

O obxectivo é a eliminación de contedores dispersos, ganando en eficiencia no momento da recollida do lixo, así como na ordenación do rural, tal como se fixera xa no casco urbano. Por outra banda, o feito de ter zonas delimitadas e sinalizadas para os contedores evita as contínuas incidencias de cambio de lugar dos mesmos. Así mesmo, o reagrupamento busca mellorar a seguridade viaria, coa colocación dos contedores en lugares nos que non resten visibilidade, nin supoñan problema algún para a circulación de vehículos nin para a seguridade dos peóns.

As principais illas están identificadas con un panel explicativo no que se indica o tipo de lixo que se debe depositar en cada un dos contedores, así como o sistema de funcionamento dos servizos especiais de recollida de residuos (obxectos voluminosos, restos de poda, roupa…). Esta reorganización ven a completar a xa realizada nas rúas do casco urbano, que agora se extende ao rural.

A mellora nos servizos de reciclaxe e recollida do lixo súmase ao proxecto de compostaxe que se está a desenrolar no casco urbano do municipio, e que pon a Salceda na cabeza de toda a provincia no que a este tema se refire. Co crecente uso dos diferentes contedores de compostaxe por parte da veciñanza, vense a notar un descenso no uso do contedor de lixo orgánico en todo o casco urbano, o cal facilita agora o traballo de reorganización de todo o sistema de recollida do lixo, que se ve notablemente mellorado coa creación das “illas de reciclaxe” que se está a levar a cabo nestes días.

 

Salceda de Caselas, 20 de abril de 2018