Máis de 365.000 € do Plan Concellos para mellorar viais do Casco Urbano

2018.05.10 Casco urbano

O Concello de Salceda destina un total de 365.139,33 € do Plan Concellos 2018 a mellorar viais principais do casco urbano. Desta partida, 123.769,33 € corresponden á anunciada humanización da Rúa Compostela; 203.854,82 € será a aportación do 30% que o Concello ten que facer para a urbanización da Rúa Gándara que acometerá conxuntamente coa Deputación de Pontevedra que asume o 70% restante, e resérvanse 37.515,99 € para o asfaltado do primeiro tramo da Rúa Rosalía de Castro, dende a rotonda de confluencia coa Avenida Victoriano Pérez Vidal ata o remate do CEP Altamira, na entrada para o CRA Raíña Aragonta.

A Rúa Rosalía de Castro é un vial fundamental para a organización do casco urbano, con unha elevadísima densidade de tráfico e que ademáis dá servizo á zona escolar e deportiva de Altamira. Nestes días estase a traballar na reorganización do tráfico na zona, coa eliminación de zonas de estacionamento en puntos que estaban a ocasionar constantes atascos. Lembran dende o Concello de Salceda que a Rúa Rosalía de Castro conta con amplas zonas de aparcadoiros disuasorios, polo que o servizo está garantido en toda a rúa. A actuación completarase coa creación de 21 novas prazas de zona azul que contribúen á dinamización do comercio local. Para o establecemento destas novas prazas de zona o Equipo de Goberno mantivo conversas con diversos/as comerciantes da zona así como con ACISA, na procura do mellor resultado para o comercio.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O proceso de reordenación do tráfico no casco urbano busca mellorar a fluidez de tránsito, así como garantir a seguridade para os peóns. Seguimos a construír a Salceda das persoas, e estamos nun momento clave de cambios que desembocará na aprobación do I Plan de Mobilidade Sustentable de Salceda, no camiño de converter a nosa vila en referencia dentro das Cidades dos Nenos e das Nenas”.

 

Salceda de Caselas, 10 de maio de 2018