Corre X Salceda, nova edición da carreira popular

O vindeiro domingo 7 de maio Salceda de Caselas acollerá a V edición da carreira popular que cada ano percorre o municipio. Organizada pola Concellaría de Deportes que dirixe Carla Pérez, en colaboración coas Escolas Deportivas Municipais, este ano o evento presenta grandes novidades dentro da programación prevista.

Baixo o nome “Corre X Salceda”, a proba servirá para que os participantes poidan coñecer os espazos naturais de Salceda, así como os diferentes tramos de sendas polos Ríos Caselas e Landres.

Para a categoría absoluta, con saída ás 10:30, preséntase como novidade un novo percorrido máis curto, polo que os participantes poden elexir entre facer 5 ou 10 km. Este ano o circuito é máis suave que nas edicións anteriores, facilitando a participación de todos os que lles guste este deporte. Os nacidos entre 2002 e 2004 terán un circuito de 2.500 metros, 1.000 metros para os nacidos entre 2.005 e 2.007, 500 metros para os nacidos entre 2.008 e 2.010,  150 metros para a categoría “Pitufos A”, que engloba aos nenos e nenas nacidos entre 2.011 e 2.013, e 100 metros para os “Pitufos B”, nacidos en 2.014 e 2.015 . Todas as categorías realizarán a súa saída dende a Praza do Concello. Ademáis, no caso das categorías inferiores, todas elas contan con un percorrido accesible para persoas con mobilidade reducida.

Atletas chegados dende toda a xeografía galega teñen confirmado xa a súa presenza nesta proba, que cada ano está contando con máis de 800 participantes. Para poder inscribirse pódese facer na páxina das Escolas Deportivas Municipais: http://www.edmsalceda.es.

Os participantes recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba, así como a opción de conseguir os trofeos que se entregarán aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías.

Un grande equipo de persoas voluntarias garantirán o correcto desenrolo da proba, encargándose da loxística, control de cruces, avituallamento, entrega de dorsais, etc. O Concello conta tamén coa colaboración de diversos clubes da localidade, así como coa axuda das Escolas Deportivas Municipais, aos que principalmente hai que agradecer a súa gran labor.

Carla Pérez Concelleira de Deportes, “agardamos que centos de deportistas acudan ao evento para disfrutar e coñecer do noso entorno a través dunha actividade tan saudable como é o deporte e o exercicio, é fundamental fomentar o deporte entre tódolos participantes, para que acudan á proba e disfruten do atletismo”, “o deporte é o eixo que move a nosa xuventude para involucralos en hábitos saudables”.  Quero agradecer especialmente a colaboración de Luis Manuel Rodríguez Cabaleiro, que ten unha gran aportación na loxística do evento, sendo unha figura clave para o mesmo.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda de Caselas, “Salceda acollerá unha vez máis a deportistas chegados dende todo o País. Os nosos espazos naturais serán o mellor escenario nesta proba que, ademáis de medir as forzas dos/das participantes, servirá tamén para seguir a dar a coñecer o noso Concello e, sobre todo, a enorme hospitalidade da nosa xente”.