CEP Altamira e IES Pedras Rubias fan as suas achegas ao Programa de Alimentos

e9fb4690-a0c8-46a4-b686-7bdbf0e844c4

O CEP Altamira e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas veñen de facer a súa achega ao Programa de Alimentos que ten en marcha o Concello de Salceda, que permite axudar ás familias máis desfavorecidas. Os alimentos doados por alumnos e alumnas de ámbolos dous centros, foron o mellor exemplo de que a solidariedade cos máis necesitados ten que comezar xa dende a escola.

 

 

 

A concelleira, quixo agradecer o xesto solidario realizado tanto polos alumnos e alumnas dos dous centros educativos coma por parte dos seus equipos directivos. Educando aos máis pequenos no concepto de solidariedade, asegurou Teresa Pérez, “estaremos poñendo as bases para unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.

 

Preto de cincuenta familias do Concello de Salceda son atendidas, na actualidade, polo Programa de  Alimentos que os distribúe en función do número de membros da unidade familiar, con especial atención aos máis cativos.

 

O programa nútrese, basicamente, dos excedentes da Unión Europea distribuídos a través da Cruz Vermella, aínda que, como sinalaba Teresa Perez, “é fundamental a achega de alimentos que se fan a través de actos benéficos, festivais ou mesmo probas deportivas como pode ser, este vindeiro 26 de decembro, a San Silvestre Solidaria que se realiza en colaboración coa Concellería de Deportes que dirixe Carla Pérez”.

 

Pérez asegurou que a resposta da veciñanza de Salceda co Programa de Alimentos do Concello, “é absolutamente exemplar e é a mostra máis evidente da capacidade que ten o municipio e os seus habitantes de ser solidarios cos máis necesitados”.

 

Foto: alumnado do CEP Altamira xunto con compoñentes do voluntariado de Salceda ante os alimentos recadados.