“Boas noites a todxs”, campaña de concienciación cívica no ocio nocturno

O Concello de Salceda de Caselas ven de botar a andar a campaña “Boas noites a todxs”, co obxectivo de conseguir unha absoluta concienciación cívica no ocio nocturno na vila, que permita a convivencia pacífica entre locais de ocio, clientela e veciñanza. Para elo póñense en marcha unha serie de compromisos que adquire cada unha das partes implicadas, e que estarán expostos nos locais de ocio. Así, no caso dos locais, comprométense a normas básicas como cumplir os límites de aforo, manter as portas pechadas, evitar a saída de vasos á vía pública ou respetar os horarios entre outras. Pola parte da clientela, o compromiso radica en respectar o descanso da veciñanza, divertirse sen molestar, evitar os ruídos na vía pública, manter os espazos limpos ou non participar en actos vandálicos. No tocante á veciñanza, estes comrométense a comprender a actividade hosteleira, a implicarse e colaborar coa mellora do modelo de ocio ou a informar sobre concentracións que alteren a orde pública. As diferentes forzas de seguridade velarán polo cumprimento destas normas, para que o obxectivo sexa o desexado.

Dentro da campaña, a Concellaría de Comercio, que dirixe Loli Castiñeira, oferta un primeiro taller formativo baixo o nome “Para un servizo responsable de bebidas alcohólicas”, o vindeiro 27 de novembro no CDL do Torrón. A acción vai dirixida aos hosteleiros/as, e lévase a cabo grazas á colaboración de FEBE (Federación Española de Bebidas Espirituosas). Este será o primeiro dunha serie de talleres e charlas que a Concellaría porá en marcha proximamente.

O Equipo de Goberno de Salceda aposta pola posta en marcha desta campaña tendo claro que o respecto e a implicación son o camiño. Nunha reunión mantida cos/as hosteleiros/as da Rúa Pontevedra na que se lles presentou a campaña, trasladóuselles o compromiso por parte do Concello de facer cumprir a normativa, apelando en todo momento á colaboración dos distintos “actores” impricados, sen os cales non é posible o éxito da campaña.

Loli Castiñeira: “apostamos por un modelo de ocio pacífico e que permita a convivencia entre locais, clientela e veciñanza, e estamos seguros de que se todos e todas traballamos na mesma dirección o resultado será moi satisfactorio para tódalas partes”.

Marcos Besada: “O sentimento que nos une aos veciños e veciñas de Salceda tense que ver reflectido tamén no ocio nocturno. Traballaremos por un ocio sano e respectuoso, que coide a Salceda que entre todos e todas estamos a construír, e que sume atractivos para a nosa vila”.