Asinado o convenio para a construcción do novo Centro de Saúde

IMG_1304 copia

O Concello de Salceda acolleu hoxe a sinatura do convenio pactado entre a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o propio Concello, no que se establecen as condicións que rexerán o proceso de construcción de dito centro. O documento foi asinado no Salón de Plenos polo Alcalde de Salceda, Marcos Besada, e o Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña.

O pasado 4 de decembro, o Conselleiro visitaba os terreos cedidos polo Pleno do Concello o 12 de maio de 2.011. Con esta visita plantexou a súa intención de desbloquear unha situación insostible xa para o Concello de Salceda de Caselas. Ese desbloqueo materializouse no convenio aprobado por unanimidade no Pleno do pasado 26 de febreiro, elaborado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Salceda, e que se asinará este martes.

O Convenio, na súa cláusula 2, recolle a obriga por parte da Consellería de Sanidade de construír o novo Centro de Saúde na parcela de 3.000 m2 da Devesa, rexistrada a nome do Concello de Salceda de Caselas polo Rexistro da Propiedade de Tui e cedida ao SERGAS dende maio do 2011. Establécese para elo un prazo de tres anos dende a sinatura do mesmo.

O Alcalde de Salceda, Marcos Besada, e o seu equipo de goberno amosaron a súa satisfacción por este novo paso de cara a contar co tan ansiado Centro de Saúde.

Loli Castiñeira, Concelleira de Sanidade: “Centraremos os nosos esforzos en que o Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes.  O Conselleiro sabe que conta con nós para todo o que precise na consecución deste obxectivo”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Estamos a vivir un momento histórico para Salceda. Tantos anos de esforzo e traballo vense recompensados coa sinatura deste convenio que suporá a construcción do tan necesario Centro de Saúde. O Conselleiro de Sanidade cumpriu a súa palabra cos veciños e veciñas de Salceda desbloqueando a situación, o cal se traduce na sinatura deste convenio”.

 

Gabinete de prensa, 29 de marzo de 2016