ASCAM Pilar Domingo presenta en Salceda o seu Calendario Solidario

2017.12.29 ASCAM

A Casa da Cultura de Salceda de Caselas acollerá, hoxe venres 29 de decembro ás 19:30 horas, a presentación do Calendario Solidario da Asociación Cancro de Mama ‘Pilar Domingo’. Un acto no que se contará coa presenza do fotógrafo José Peixoto, autor das fotos que ilustran o calendario, e da escritora Isabel Blanco-Rivas autora dos textos. Na presentación estarán, amais, a presidenta da ASCAM, Marisa Faro e a responsable da Asociación en Salceda, Mada Freitas. O Calendario Solidario de ASCAM «Pilar Domingo» relata, páxina a páxina e mes a mes, o proceso, case que sempre traumático, que vive unha muller dende que se lle diagnostica a enfermidade ata o final. Un total de doce mulleres, que padeceron a enfermidade e que hoxe viven as súas vidas con total normalidade, convertéronse nun día en modelos para, baixo o obxectivo da cámara de Javier Peixoto, dar forma a este extraordinario traballo no que, os textos de Isabel Blanco-Rivas, expresan sentimentos, esperanzas e ilusións. As e os interesados en conseguir un calendario, poden adquirilo no Concello de Salceda de Caselas, aínda que tamén poden facelo enviando un correo electrónico a ascam.pilardomingo@gmail.com. A asociación contestará enviando o número de conta onde debe ser ingresado o importe do calendario e, posteriormente, a interesada ou interesado recibirá o calendario na súa casa a portes debidos.