A Vila da Esfarrapada, obxecto de actos vandálicos durante a fin de semana

2017.08.17 Vandalismo

Diversos espazos públicos municipais de Salceda de Caselas como a Senda da Lagoela ou o espazo “Fonte das Carballas”, ademais de mobiliario urbano de diversas rúas de Salceda, foron gravemente danados esta pasada fin de semana a consecuencia do vandalismo “daqueles que queren danar o patrimionio de todas e todas” afirmou o alcalde de Salceda, Marcos Besada.

Os estragos orixinaron cuantiosos danos, polo que o alcalde de Salceda solicitou a colaboración cidadá para “poñer en coñecemento dos corpos de seguridade, calquera dato que axude a localizar ás/aos culpables”.

Besada foi claro ao afirmar que “a Salceda que tanto nos custa poñer en valor, merece outro trato” e lembrou que accións como esta, supoñen “un grave prexuízo para a veciñanza porque o pagamos entre todos e todas”.

A preocupación do Concello por estes feitos, mírase agravada porque o luns pola noite, os vándalos tamén orixinaron diversos danos na piscina municipal, rompendo, entre outras cousas, a pechadura dos servizos dos homes.

Non son, desgraciadamente, os únicos casos de vandalismo que se deron en Salceda de Caselas, xa que nos últimos meses o Parque Etnográfico do Landres, vén sufrindo o esnaquizamento de pechaduras dos muíños e roturas de tellas entre outros danos.

Marcos Besada asegurou que, con este tipo de accións “o Goberno local terá tolerancia cero” xa que, concluíu “non se pode tolerar que pola actuación de persoas que carecen do máis mínimo civismo, se prexudiquen os interese dos veciños e veciñas deste municipio”.