A Senda do Caselas, lista para o goce da veciñanza

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Salceda de Caselas, que coordina Miguel González, vén de dar por rematados os traballos de recuperación da Senda do Caselas entre a Ponte de Rubal, na Picoña e As Pontes, en Santa María, traballos que sufriron un lixeiro atraso debido ás intensas choivas destes días pasados.

Asemade, a concellería de Vías e obras co apoio da Confederación Hidorgráfica Miño-Sil, a tarvés de Tragsa, procederon á limpeza das marxes do río Caselas, intensificando os traballos no treito dende a Ponte do Río (Carballal) ata o Maior (A Picoña), onde os efectos dos temporais posteriores aos incendios de outubro, provocaron arrastres de toneladas de terra e xabre dos montes, ao carecer estes de vexetación que sustentase o terreo.

O alcalde, Marcos Besada, salientaba a importancia dos traballos realizados que permitirán “que veciños e veciñas gocen dun dos espazos naturais de referencia do municipio”.

A Senda do Caselas

A Senda do Caselas, é froito dos traballos de recuperación que se desenvolveron na contorna do río Caselas. Cunha lonxitude de 2 quilómetros, a senda nace no lugar das Pontes, na parroquia de Santa María para, no seu percorrido, pasar pola parroquia de San Xurxo e rematar no lugar de Rubal, xa na parroquia da Picoña.

Ao longo do seu percorrido a senda atravesa o Parque Etnográfico dos Muíños do río Caselas, onde o Concello rehabilitou os muíños das Covas, da Laxe, Figueiras e o muíño de Marcial ou Fondóns.

A senda polo tanto, e como sinala Marcos Besada, “permite, non só gozar do extraordinario potencial natural con que conta Salceda, senón que posibilita a posta en valor do noso patrimonio etnográfico”.

Dende o Concello agradecen á veciñanza a súa paciencia e comprensión durante o tempo no que se levaron a cabo as tarefas de recuperación, así como o apoio amosado co acontecido.