A Praza de Abastos de Salceda exemplo na loita contra as bolsas de plástico

TER_9302 copia

Os praceiros e as praceiras de Salceda de Caselas, en colaboración co Concello,  distribuirán de xeito gratuíto bolsas reutilizables entre os seus clientes e clientas, para contribuír así á eliminación do uso de bolsas de plástico. Esta iniciativa pon de manifesto unha vez máis a colaboración entre o Concello de Salceda e o sector do comercio, nesta ocasión centrado nos vendedores e vendedoras que exercen a súa actividade na praza de abastos municipal.

Dende o pasado 1 de xullo está prohibido subministrar bolsas de plástico de xeito gratuíto, polo que os establecementos están obrigados a cobrar entre 5 e 15 céntimos por elas coa finalidade de adaptarse á directiva europea, que ten como obxectivo último eliminar as bolsas de plástico para o 2021. Segundo o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, cada persoa consume 144 bolsas de plástico anuais e o 90% son de un só uso, o que se ten convertido nun verdadeiro problema para o medio. Cada ano, ata 12 millóns de toneladas deste material chegan aos mares e océanos e afectan a máis de 550 especies. En España xenéranse cerca de 70.000 toneladas anuais, o que equivale a uns 6.700 millóns de unidades.

Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio: “os praceiros e praceiras de Salceda comprométense tamén co medioambiente, e con esta medida trasladaremos esa inquietude á clientela da Praza de Abastos. Temos que agradecer a implicación amosada, e lembrar que no Concello de Salceda sempre atoparán apoio para este tipo de iniciativas, favorables tanto para os veciños e veciñas como, sobre todo, para o medioambiente”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “No noso País estamos á cola na loita contra o plástico, e a día de hoxe xa tódolos océanos teñen restos de plásticos. Os nosos praceiros e praceiras están a dar un verdadeiro exemplo que a veciñanza de Salceda saberá agradecer. Para eles e elas van os nosos parabéns máis sinceros”

 

Ganibete de prensa, 30 de xullo de 2018