A Oficina de Consumo de Salceda tramita máis de cincuenta reclamacións en torno ás Cláusulas Chan

2017.01.24 OMIC

O Servizo de Recepción de Reclamacións de Consumo do Concello de Salceda de Caselas (OMIC), dependente da Concellería de Consumo que dirixe Loli Castiñeira, atendeu neste comezo de ano 2017, a máis de medio cento de veciños/as, incluso de Concellos limítrofes, que se achegaron á OMIC para clarexar dúbidas e iniciar trámites de reclamación ante os bancos para a devolución das denominadas “cláusulas chan” e os “gastos de constitución das distintas hipotecas”.

A sentencia do Tribunal Europeo de Xustiza (do 21 de decembro de 2016) referida á anulación da retroactividade da sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013, obriga a toda a banca española a devolver o cobrado por ditas cláusulas dende o inicio do contrato hipotecario.

Por outra banda a sentencia do Tribunal Supremo 705/2015 de 23 de decembro, obriga a distribuír entre as dúas partes contratantes, os gastos atribuídos a constitución das hipotecas.

Ambas sentenzas están facendo que o Servizo de Consumo Municipal, se converta nun centro de información de referencia na contorna para buscar saídas ás distintas situacións individuais. Para que tódolos veciños teñan a información completa, a Concellaría de Consumo traballa na programación dunha charla que terá lugar proximamente na que se abordará todo o relativo ás Cláusulas Chan así como aos gastos de constitución das hipotecas. O horario de atención da OMIC ata o 28 de febreiro será os martes e xoves de 10:00 a 13:00 horas. O servizo de OMIC está ubicado na Casa da Cultura Castelao.

A OMIC recibiu ó longo do ano 2016 un total de 360 consultas relacionados con temas sobre garantías, dereitos dos consumidores, reparación de bens consumibles, revogacións de contratos, etc…a súa tarefa nestes casos foi de información, mediación ou derivación ao IGC.

Á súa vez tramitou un total de 195 expedientes de reclamacións ao Instituto Galego de Consumo (IGC), para que este organismo dependente da Consellería de Economía e Industria decidise se os/as denunciados/as ou reclamados/as se someterían a mediación previa, a Arbitraxe de Consumo ou se resolverían mediante outro tipo de vía administrativa, como a derivación á Axencia de Turismo de Galicia, á Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións (do Ministerio de Industria), á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, etc. segundo o caso.

 

Salceda de Caselas, 24 de xaneiro de 2017