A Bolsa de Emprego surte as empresas de Salceda e arredores

2018.03.16 Formación

O Centro de Desenvolvemento Local O Torrón (CDL O Torrón) da Concellería de Emprego do Concello de Salceda de Caselas ven a lanzar unha campaña de prospección de emprego e de procura de empresas que precisen persoal para facilitarlle o mesmo dende a bolsa de emprego, co fin de atopar un traballo ás persoas inscritas nesta bolsa de emprego e ao mesmo tempo dotar as empresas de persoal cualificado dun xeito cómodo, rápido e profesional.

Aquelas empresa que precisen persoal só teñen que poñerse en contacto co CDL O Torrón e especificar os requisitos que buscan. Dende o CDL faise unha preselección baseada nesas necesidades, e solicítaselles a tódalas persoas preseleccionadas que confirmen a súa dispoñibilidade para o emprego, remitindo o listado á empresa, que será sempre a que realice a selección final.

Por outra banda, as empresas poden trasmitirlle as súas necesidades futuras ao departamento de Formación e Emprego do Concello, a fin de que os Plans de Formación postos en marcha dende este se axusten ás necesidades de ditas empresas, e desta forma acadar un dobre obxectivo:  mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego adaptando o seu curriculum ao que precisan as empresas, e facilitar ás empresas persoal formado naquelas áreas que esta precisa.

Na actualidade o CDL O Torrón está a impartir cursos relacionados co mundo da automoción, dada a gran demanda de operarios/as de automoción que hai no mercado nestes intres. O programa impartido no curso é fruto de conversas con diversas empresas de automoción que expuxeron a formación que é convinte que teña unha persoa desempregada que se quere incorporar como operario/a de automoción.

Loli Castiñeira, Concelleira de Formación e Emprego: “animamos ás empresas a que se poñan en contacto co persoal do CDL do Torrón para coñecer de primeira man o funcionamento da Bolsa de Emprego municipal. Debemos seguir a manter unha relación bidireccional que nos permita, como ata o de agora, acadar uns resultados positivos tanto para as empresas como para as persoas desempregadas”.

 

Gabinete de prensa, 16 de marzo de 2018