A ampliación do CEP Altamira xa ten permiso do Concello

A Xunta de Goberno Local do Concello de Salceda de Caselas deu esta mañá luz verde ao proxecto de ampliación do CEP Altamira presentado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O proxecto, por un valor de 545.042 €, suporá a demolición da cuberta do edificio administrativo, para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297,15 m2, nos que se habilitarán catro novas aulas, aseo adaptado e almacén de limpeza. A obra conleva así mesmo a construción dunha pasarela que comunicará este co edificio principal.

O CEP Altamira, único centro de primaria existente en Salceda de Caselas, atende este curso a 587 nenos e nenas. Dito colexio conta na actualidade con liña 5 no primeiro ciclo e con liña 4 no segundo e terceiro ciclo, con previsión de que a liña 5 se vaia implantando en tódolos niveis nos vindeiros anos polo alto índice de natalidade existente no municipio. Nos últimos anos lévanse eliminado aulas como as de psicomotrocidade ou música para dar cabida ao aumento de alumnado, e este curso 2017/2018 eliminouse unha nova aula de usos múltiples para implantar unha nova aula de 1º curso. Así pois, a situación de masificación do centro é límite, polo que Concello, ANPA e o mesmo colexio tiñan solicitado a ampliación do mesmo en numerosas ocasións, sen que ata o de agora fora atendida esa petición.

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda congratulouse de que por fin a Xunta de Galicia decidise cumprir coas súas obrigas, aínda que lamenten que non se decantasen por un proxecto máis ambicioso, sendo conscientes de que a ampliación que agora se aproba é unha solución a medio prazo pero que non soluciona o problema dun xeito definitivo.

Tere Pérez, Concelleira de Ensino: “Hoxe damos un pasiño máis para lograr a ampliación do colexio. Agardamos que a Xunta cumpra cos seus compromisos e que as obras non se demoren para que no inicio do próximo curso os nenos e nenas de Salceda poidan desfrutar das novas instalacións dende o primeiro momento nas mellores condicións”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Unha vila con tantos nenos e nenas como Salceda debe ser prioridade absoluta para a Xunta de Galicia. Seguiremos a loitar polos seus dereitos e a construír un pobo coas mellores condicións para eles e elas. Salceda forma parte das Cidades dos Nenos e das Nenas, e non deixaremos de traballar pola infancia nin un só momento”.

 

Salceda de Caselas, 16 de abril de 2018